Incremento dun 10% nas subvencións para o patrocinio dos clubes deportivos na cidade
As axudas de Visit Pontevedra, que suporán 47.460 euros máis que as de 2020, beneficiarán este ano a dúas novas entidades deportivas, o Pontevedra Rugby Club e o Club Galaico Sincro. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, asinou na mañá deste xoves o expediente que permitirá destinar unha achega global de 288.060 euros ás arcas de 11 equipos pontevedreses.
O expediente das subvencións anuais de Turismo de Pontevedra permitirá o patrocinio dos clubs deportivos da cidade para o presente ano 2021. O ascenso no orzamento supón un incremento dun 10% con respecto aos 240.600 do ano anterior.
Yoya Blanco subliña que "esta Concellería é consciente da delicada situación que atravesan as entidades deportivas de Pontevedra por mor desta interminable pandemia. Os clubs precisan a nosa axuda máis que nunca, polo que este ano aumentaremos en 47.460 euros a contía das subvencións de patrocinio, que aliviarán as arcas dun total de 11 equipos, dous máis que en 2020”.
Entre os equipos que se beneficiarán das axudas de 2021 atópanse Pontevedra CF, a Sociedade Deportiva Teucro, o Club Baloncesto Arxil, o Club Natación Galaico, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra, o Club Cisne, ao que se lle incrementa a partida a raíz do seu ascenso a Asobal, o Leis 26 FS, o Club Bádminton Ravachol, o Tenis de Mesa Monte Porreiro e as dúas novas incorporacións ao patrocinio, o Pontevedra Rugby Club e o Club Galaico Sincro.