A Federación Galega de Fútbol propón activar todas as categorías de base en formato exprés
Por Redacción
O Comité de Fútbol Base da Real Federación Galega de Fútbol, convocado a principios de semana, aprobou por unanimidade propoñer a activación de todas as competicións de fútbol base autonómicas, provincias e locais.
A idea é que os torneos e ligas se desenvolvan en formato exprés, dando continuidade á activación das ligas Galegas de base que xa se atopan en pleno proceso de inscrición.
Iso é o que fará agora o organismo federativo, abrir un proceso de inscrición para coñecer con exactitude os equipos que pretenden participar en cada categoría e a partir de aí elaborar os plans de competición correspondentes.
Os integrantes do comité, explica a Federación, mostráronse de acordo con ofrecer aos mozos a oportunidade de practicar o seu deporte tras case un ano de parón, sempre cumprindo as medidas sanitarias establecidas no protocolo autorizado pola Xunta de Galicia.
Pola súa banda a Comisión de Fútbol Feminino e o Comité de Fútbol sala tamén acordaron a activación das categorías de base que aínda non se puxeron en marcha.