A falta de acerto condena ao Arxil ante o último clasificado, o Maget Tías (70-64)
Por Almu Dapena
A boa imaxe reflectida durante a segunda metade non foi suficiente para o Club Baloncesto Arxil, que suma a súa cuarta derrota consecutiva tras caer co último clasificado, o Maget Tías, no encontro aprazado da undécima xornada de Liga Feminina 2 (70-64).
O inicio do partido foi mellor para o Arxil, que aproveitou o xogo interior con Forster e María Lago e a efectividade desde a liña de tres puntos de Carla Fernández para colocarse 2-7. Reaccionou inmediatamente o equipo de Lanzarote para dar a volta ao marcador e poñerse por primeira vez por diante no duelo (10-9). Nese momento chegou a falta de acerto das de Mayte Méndez. Aínda que se volveron a colocar na cabeza con dous tiros libres de Lago (10-11), produciuse un punto de inflexión no que o Maget Tías aproveitou os erros de fronte ao aro das pontevedresas para facerse cos rebotes defensivos e pechar o primeiro cuarto cun resultado de 22-16.
Anotou Sara Castro ao comezo do segundo cuarto, pero responderon enseguida as locais aproveitando as perdas de balón do Arxil para abrir unha brecha importante con dous triplos seguidos de María Delgado. O colchón do Maget Tías seguiu aumentando ata chegar aos 11 puntos, diferenza coa que se alcanzou o descanso (37-26).
O paso polos vestiarios veu ben ao conxunto pontevedrés, que saíu con máis intensidade que o seu rival e apertou unha marcha para facerse cos segundos balóns e reducir distancias en ata tres puntos cando quedaba minuto e medio para a finalización do terceiro cuarto (48-45). Aínda que as de Lanzarote foron mellores nos compases finais para pechar o acto en 52-45, o partido volvía estar aberto para decidirse nos 10 últimos minutos.
De novo Sara Castro botábase ao equipo encima e anotaba 5 puntos que metían de cheo ao Arxil na pelexa pola vitoria (52-50). Con todo, a reacción do Maget Tías foi automática, e comezou a facer máis longas as súas posesións e a non precipitarse en ataque. Mayte Méndez parou o cronómetro cando quedaban pouco menos de cinco minutos (61-54). As de verde necesitaban unha reacción e esta vez si chegou. Díaz- Pache e Carla Fenández anotaron un parcial de 0-5 que as colocaba a dous puntos do seu rival (61-59), obrigando ao adestrador local a pedir tempo morto.
Coa dobre canastra de Regina Gómez as de Lanzarote incrementaron a distancia ata os seis puntos. O tempo corría en contra do Arxil, que anotou por mediación Noelia Masía e de Díaz- Pache para volver poñerse a dous puntos. Con todo, a falta de 20 segundos para que soase a bucina, María Delgado anotou un triplo para deixar ao Arxil sen opcións de vitoria.
Co 70-64 alcanzouse o final do encontro, resultado que pon ao Arxil nunha situación difícil na súa loita pola permanencia.
Sen tempo para lamentarse, as de Mayte Méndez aproveitarán a viaxe ás Illas Canarias para disputar este domingo o encontro ante o Adareva, sétimo clasificado na liga Feminina 2 (13:00 hora peninsular, canle FEB).
Consulta a acta do Maget Tías-CB Arxil
Relacionadas:
-
O Arxil loita ata o final pero cae na casa do Barakaldo (68-60)
Por Almu Dapena |
-
Sara Castro lidera a vitoria do Arxil sobre o Azkoitia Azpeitia (73-67)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A base do Arxil retoma a súa actividade
Por Redacción |
-
A dificultade de viaxar a competir a Canarias en tempos de covid, segundo a experiencia do Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil reencóntrase coa vitoria á conta dun Adareva que llo puxo difícil (68-70)
Por Almu Dapena |
-
Dobre cita clave para o Arxil en Canarias
Por Redacción |
-
Excesivo castigo para un Arxil que mereceu máis ante o Miralvalle (49-60)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Nova derrota do Arxil ao caer por 58-40 no derbi ante o Cortegada
Por Almu Dapena |