Unha trintena de pilotos competirán esta fin de semana na XIV Subida á Escusa
Por Alejandro Espiño
Volve unha das probas máis espectaculares do circuíto galego de rally de montaña. Unha trintena de pilotos participarán o sábado 21 e o domingo 22 de setembro na XIV edición da Subida á Escusa, a penúltima proba da tempada nesta modalidade automovilística. A competición, que foi presentada este xoves no Casal de Ferreirós (Poio), está máis que consolidada no calendario deportivo galego.
A proba celebrarase, como vén sendo habitual, nun percorrido duns catro quilómetros na estrada entre Sartal e A Escusa (PO-606). Os pilotos terán que participar en dúas mangas o sábado pola tarde (a partir das 15.30 horas) e noutras dúas o domingo pola mañá (desde as 09.30 horas). O mellor tempo de cada un dos dous días é o que contará para a clasificación final, facéndose a media entre ambos.
Ademais do circuíto, o outro gran punto de referencia da proba será o parque da Seca, onde estará situado o 'parque pechado'. Alí celebraranse as verificacións administrativas e técnicas a todos os participantes, a presentación oficial dos pilotos e a entrega de premios, o domingo pola tarde. Neste último concepto, a organización da proba repartirá un total de 7.000 euros entre os gañadores.
Na presentación da proba, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, reivindicou unha vez máis que a Federación Galega de Automovilismo suba o coeficiente que lle outorga á carreira, actualmente un sete, para aumentar a súa importancia, ao destacar que se trata "dunha dás mellores probas do circuíto galego, tanto polo seu número de participantes como pola súa organización".
Pola súa banda, desde a escudería que organiza a proba, BuXa Motor Poio, mostráronse satisfeitos de poder organizar de novo esta carreira, malia as dificultades económicas. A súa presidenta, Noemí Blas, recordou que ademais dos premios en metálico, hai que contratar un seguro para cubrir posibles accidentes. Por iso é polo que pedise ao público que extreme as medidas de seguridade, especialmente naquelas zonas máis espectaculares do circuíto.
En todo caso, para garantir a seguridade do público e dos pilotos participantes, desde o Concello de Poio preparouse un amplo dispositivo de seguridade que estará integrado por Policía Local, Protección e Garda Civil.