Poio pon en marcha un plan de reactivación no deporte para principios de marzo
Os deportistas federados serán os primeiros en volver aos adestramentos. Posteriormente, será a quenda do deporte base, coa idea de que cada semana inicie a actividade unha categoría diferente. O obxectivo é que todo o tecido deportivo estea operativo a principios do mes de marzo. A concelleira de Deportes, Marga Caldas, traslada aos clubes a folla de ruta a seguir nas vindeiras semanas.
Unha desescalada "progresiva, efectiva e segura" é a premisa pola que aposta a Concellería de Deportes. Así, segundo o Concello de Poio, unha vez superado o pico da terceira vaga da covid-19, que obrigou a paralizar toda a actividade deportiva que non fose profesional, os clubes poderán ir retomando paulatinamente a práctica do deporte.
A concelleira Marga Caldas mantivo na mañá deste mércores unha reunión telemática con responsables e representantes das entidades deportivas para trasladarlles o plan polo que aposta o Concello, logo que de a Xunta de Galicia confirmase, o pasado luns 15 de febreiro, a redución de parte das restricións sanitarias aprobadas a finais de xaneiro. Grazas a esta redución das medidas, volverase a permitir a competición federada a nivel autonómico, así como a utilización de instalacións deportivas ao aire libre, de xeito individual.
Caldas Moreira garantiu aos responsables dos clubes que este plan de desescalada estará adaptado ás restricións. Deste xeito, o Concello adianta que o deporte federado será o primeiro en arrancar, progresivamente, desde o mércores 17 ata o 23 de febreiro. "Un exemplo é o balonmán ou disciplinas que traballan ao aire libre, como é o ciclismo", explica a edil de Deportes, que fai fincapé na importancia de que "non todos os grupos empecen ao mesmo tempo". A segunda fase iniciarase entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo, que será a quenda do deporte de base e no que se pretende introducir unha categoría cada semana.
Con respecto ao ximnasio municipal, Marga Caldas lembra que a día de hoxe as restricións impiden a apertura deste tipo de instalacións, aínda que de xeito excepcional se permitirá o uso do tatami aos deportistas federados de Taekwondo e Kickboxing, para que poidan retomar os adestramentos. Este permiso queda reducido expresamente a esta superficie, sen que se poidan utilizar outras dependencias interiores, como os vestiarios.
A edil do BNG explicou, asemade, que as últimas instalacións deportivas en abrir as súas portas serán as dos centros educativos que tamén son utilizadas por clubes e Escolas Deportivas. "Se a tendencia na baixada de casos continúa a tan bo ritmo como nos últimos días, confiamos en que a actividade deportiva poida estar en marcha de xeito regular a partir de principios de marzo", sinalou Caldas Moreira.
Ademais aproveitou a reunión telemática para felicitar, unha vez máis, o tecido deportivo do municipio "polo seu labor e o esforzo que levan meses realizando para adaptarse a un contexto que non deixa de mudar". Neste sentido, a concelleira do Goberno local lembrou que "se ben somos conscientes de que a situación provocada pola terceira vaga da Covid-19 obrigaba a paralizar a actividade deportiva, desde o primeiro intre tamén tivemos claro que os clubs demostraron estar á altura das circunstancias en todo momento".
Caldas lembrou que o cumprimento dos protocolos e as medidas sanitarias fixo que, ata o seu cese temporal en xaneiro, fora "absolutamente rigoroso", e engadiu que "o deporte seguro é moi necesario, por iso entendemos que é un dos eidos que ten que reactivarse canto antes. Estamos a falar dunha actividade esencial e saudable, por iso o noso Concello foi un dos primeiros en apostar pola recuperación da actividade deportiva en canto acabou o primeiro confinamento e mantivemos as instalacións abertas todo o posible, garantindo o cumprimento das medidas hixiénicas, de aforo e distanciamento necesarias", finalizou.
Por outra banda, no Pleno ordinario deste mes de febreiro está previsto que a Corporación apoie, de xeito unánime, un manifesto impulsado pola Plataforma Galega de Educación Física, a Actividade Física e o Deporte.