Victoria mínima do Compostela (2-1) no último minuto sobre o Pontevedra na Copa Federación
Por Ramiro Espiño
Coa prudencia por bandeira que non é cousa de arriscar máis do necesario nunha competición de escaso atractivo como a Copa Federación. Ambos os dous adestradores reservaron bastantes dos seus xogadores habituais neste partido de ida da semifinal autonómica, que resolveu o Compostela no último minuto cun gol de Joselu, que lle permite viaxar cunha mínima renda para afrontar a volta a próxima semana en Pasarón, en busca dunha final na que espera o vencedor do enfrontamento entre C.D. Ourense e Alondras.
A primeira parte foi de lixeira iniciativa local, aínda que o Pontevedra nunca lle perdeu a cara ao partido e conseguiu adiantarse no marcador no minuto 28, nun contragolpe culminado con acerto por Luismi.
A medida que foron transcorrendo os minutos os granates fóronse sentindo máis cómodos sobre o cesped. Fredi daría entrada tras o descanso a tres das súas pezas básicas como Gonzalo, Peláez e Joselu, que resultarían decisivos para a remontada compostelá.
De feito Peláez lograba o empate no minuto 67. Pero o Pontevedra non só non se deu por vencido se non que mesmo se foi arriba buscando adiantarse novamente no marcador.
Precisamente esa ambición custoulle cara aos granates, xa que practicamente na última xogada do partido, dun corner a favor do cadro visitante nace a contra fulminante do Compostela que supón o gol do seu artilleiro Joselu e o 2-1 definitivo, resultado que unha mínima vantaxe aos de Fredi para acceder á final territorial.
S.D. COMPOSTELA (2): Lorenzo; Jesús, Jorge, Catú, Ánder; Jacobo, Julen; Ezequiel, Manu Rodríguez, Germán; e Pastor.
Substitucións: Peláez por Ezequiel, minuto 46. Joselu por Pastor, minuto 46. Gonzalo por Germán, minuto 46.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu; Adrián, Pablo, Miguel, David Feito; David García, Moreira; Richi, Pablo Lede, David Pérez; e Luismi.
Substitucións: Emilio por David García, minuto 55. Santi Domínguez por Luismi, minuto 60. Kevin por Richi, minuto 80).
Árbitro: Gonzalo Goyanes López (Santiago), auxiliado nas bandas por Gil Caldelas e Calvelo Iglesias. Amoestou a David Pérez e Adrián.
Goles: (0-1) Minuto 28: Luismi. (1-1) Minuto 67: Peláez. (2-1) Minuto 90: Joselu.
Incidencias: Estadio Multiúsos de San Lázaro (Santiago de Compostela). Partido de ida de semifinais da fase autonómica da Copa Federación. Uns 200 espectadores.