Un gol de Cotilla no desconto dá a vitoria o Arosa ante o Pontellas (2-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Seis empates consecutivos despois, por fin chegou a vitoria para o Arosa. Discreto partido o que mostrou o equipo arlequinado na Lomba ante o pechacancelas. Tiveron que sufrir os locais, que aínda que se adiantaron cun gol de Javi Otero aos cinco minutos de partido, o Pontellas foi superior na segunda metade e devolveu a igualdade ao marcador. Xa no desconto, Cotilla aproveitou un bo balón de Fajardo para cabecear á rede e poñer o 2-1 final.
Comezou mellor o Arosa, que se adiantou aos cinco minutos de partido cun tanto de Javi Otero. Kilian, desde campo propio, enviou un pase ao extremo entre a defensa rival. Otero plantouse diante de Aarón Puente e picou o balón para abrir o marcador a favor dos locais.
Despois do gol, os de Rafa Sáez seguiron dominando. Javi Fontán, ao cuarto de hora, tivo unha oportunidade de ouro para poñer o 2-0 tras recortar ao seu defensor, pero o seu disparo foise polo lateral da rede.
Cinco minutos despois, chegou o susto para o Arosa. Javi Alonso protagonizou a mellor ocasión para o Pontellas ao enviar unha vaselina case perfecta que, para fortuna de Manu Táboas, estrelouse no traveseiro.
Os seguintes minutos tamén foron para o Arosa, que aínda que empezaba a abusar de balóns longos sen sentido para zafarse da presión alta do Pontellas, gozou de dúas oportunidades máis antes de chegar ao descanso. A primeira foi unha bolea desde o bordo da área de Pedro Beda e a segunda unha falta directa de Cotilla. En ambas tivo que intervir Aarón Puente e enviou a córner.
Durante os primeiros compases despois do paso polos vestiarios o Arosa non foi capaz de enlazar tres pases seguidos e tocoulle pecharse en defensa para aguantar as continuas chegadas do Pontellas á área de Manu Táboas.
Aínda que estaba a ser mellor o equipo de Porriño, os de Rafa Sáez empezaron a coller ritmo cando quedaban pouco máis de 20 minutos, volvendo chegar con perigo á área rival.
Con todo, o pechacancelas era o que estaba a merecer o empate máis que o Arosa o segundo gol. Así, aproveitando un erro defensivo do equipo arlequinado, Nando plantouse diante de Manu Táboas pero fallou no seu man a man. O porteiro local repeleu o disparo, que se estrelou en Javi Fontán e este enviouno directo á súa propia rede (1-1, min. 72).
Empezou a correr o tempo en contra do Arosa, que deu un paso adiante para tentar reverter o resultado e conseguir a vitoria na Lomba. Aínda que o empate estaba a ser xusto, os locais finalmente víronse recompensados con tres puntos moi valiosos. Jorge Fajardo, que entrara na segunda metade, aproveitou un balón parada para poñer un centro a Campillo, que cabeceou á rede para poñer o 2-1 no tempo de desconto.
Con este resultado, o Arosa volve atopar coa vitoria despois de seis empates consecutivos e mantense na segunda posición da táboa, a tres puntos do líder, o Arenteiro.
Consulta a acta do Arosa-Pontellas
Relacionadas:
-
O Arosa vence o Rápido de Bouzas e está a un paso da fase de ascenso (2-0)
Por Redacción |
-
Atios e Arosa firman un empate sen goles
Por Redacción |
-
O Arosa sentencia á Unión Deportiva Ourense na primeira metade (2-0)
Por Almu Dapena |
-
Novo empate do Arosa, que deixa escapar a vitoria na cancha do líder (0-0)
Por Redacción |
-
A Futgal fixa o 21 de febreiro como xornada para recuperar partidos aprazados en Terceira División
Por Redacción |
-
Quinto empate consecutivo para o Arosa (2-2) e derrota do Ribadumia no seu regreso á competición (1-2)
Por Almu Dapena |