O efecto Luisito non acaba coa seca do Pontevedra (0-0)
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Pouco tempo tivo Luisito para implantar o seu carácter no Pontevedra, pero o seu discurso xa calou fondo. Os granates, cun once que ben podería asinar Jesús Ramos, luciron unha cara moi diferente á habitual. Atosigaron a golpe de presión e ocasións ao seu rival, que tamén estreaba adestrador e quería o balón, pero o Pontevedra soubo negarllo no primeiro tempo y arrebatarllo no segundo.
No primeiro tempo os granates acumularon ata oito ocasiones claras que só a súa falta de acerto fixo que o partido non queda sentenciado. No segundo tempo, o cansazo fíxose efecto nos de Pasarón, que baixaron o ritmo e sufriron para atopar ocos na defensa rival, que tamén tivo opcións de castigar á contra.
Os acenos de identidade do novo Pontevedra xa son visibles. Os de Luisito asumen moitos máis riscos en defensa para non rifar o balón e os laterais teñen máis presenza ofensiva. Xerou múltiples ocasións de gol o conxunto local, que segue lastrado por unha falta de acerto que os afasta cada vez máis do seu obxectivo.
Non tardou nin un minuto o Pontevedra en demostrar que ía a por a vitoria. Un saque de banda pola dereita acabou nun centro desde banda esquerda que caeu a Rufo nos pés, pero o seu remate foi desviado a córner.
Non baixou o pistón o cadro granate nin un só momento nunha primeira parte na que acumularon preto dunha decena de ocasións claras de gol. Rufo volveu tela dez minutos despois pero a súa volea, tras asistencia de Oier de cabeza, foise por encima do traveseiro. E, de novo, o ariete madrileño volveu padecer a mala sorte que arrastra este ano cara a porta ao rematar alto un centro medido de Álex González ao corazón da área pequena.
Non só Rufo desperdiciou oportunidades. Antes de cumprir o minuto 20, Salcedo despexou de puños un cabezazo cruza de Oier Calvillo, outro dos que recuperou a súa mellor versión na estrea de Luisito.
Mentres tanto o Guijuelo trataba de sacudirse a presión local con posesións longas. Foi así como o balón acabou nos pés de Kike Pina, só na frontal da área, que non se atreveu a disparar despois de recortar ao seu marcador. Tamén a tivo Kamal cun potente lanzamento raso desde fóra da área que atrapou Mario con seguridade.
Antes, Rufo tivera outra oportunidade de acabar coa súa seca ao facerse na interior da área cun despexe de Xisco. Controlou, corpeou ao seu par, pero o seu disparo, forzado, saíu rozando o poste.
Restaban cinco minutos para o descanso, pero os granates non se tentaban de buscar o gol. Outra vez Rufo cazou un balón ás costas dos centrais, recortou e cedeu para González que tirou mal coa súa perna dereita e tampouco Charles, que tratou de desviar o disparo, atopou a porta de Salcedo. E antes de asubío final, era Oier o que volvía plantarse diante do porteiro para errar de novo na definición cun disparo potente pero centrado que repeleu o meta visitante.
Logo do paso por vestiarios, o xogo arrefriouse. O Guijuelo axustou o seu defensa, mellorou a súa presión e dificultou o xogo ofensivo dun Pontevedra que comezou a padecer os efectos do cansazo e o esforzo da primeira metade.
Houbo que esperar dez minutos para presenciar a primeira acción de perigo, que volveu ser para o Pontevedra e moi clara. Saíron os granates á contra por medio de Rufo, que atopou a Charles e o brasileiro viu como Álex González entraba só para encarar a meta rival. A súa asistencia foi defectuosa e, aínda que o capitán logrou controlar, a defensa botóuselle encima e non puido definir con comodidade. Salcedo detivo o seu frouxo e centrado disparo desde o punto de penalti.
Axitou a árbore Luisito en busca do merecido gol. Retirou a Damiá, que o tentaba cun perigoso disparo afastado, para dar entrada a Jorge Fernández e deixar a Imanol como único pivote. Con todo, o paso adiante dos granates, que acabaron cunha defensa de tres, aproveitouno o Guijuelo, que tivo dúas claras ocasións de dar a puntilla a un Pontevedra envorcado.
Mario saíu fóra da área a cortar un man a man, pero o rexeite acabou nas botas de Kamal, cuxa vaselina salvou Imanol baixo paus. E aínda cazou outro contragolpe o cadro de Chuchi, que finalizou cun disparo alto. Antes reclamaron penalti por unhas mans de Xisco no interior da área que o colexiado non sinalou.
Pola súa banda, os granates tentárono por todos os medios, con máis corazón que cabeza no tramo final, pero foron incapaces de perforar a metal rival. Suma un punto o Pontevedra, que mereceu os tres. Un botín insuficiente nesta contrarreloxo por engancharse á loita polos postos altos da táboa.
PONTEVEDRA CF: Mario; Aitor, Xisco, Pol Bueso, Zabaleta (Óscar, min. 80); Oier (Borja Martínez, min. 80), Damiá Sabater (Jorge Fernández, min. 70), Imanol, Álex González, Charles, Rufo
CD GUIJUELO: Salcedo; Damián, Lucas, Jonathan, Jose Antonio; Kamal, Cristóbal (Andi, min 67), Carlos Rubén (Deco, min. 87); Kike Pina (Mounir, min. 67), Isma Ferro (Pozo, min, 76), Pino (Miguel, min. 87).
Árbitro: Fernández Buergo (Asturias), asistido en las bandas por Mier Rodríguez y Bergareche Solana, amoestou a Damiá por parte do Pontevedra e a Lucas e Jonathan, por parte do Guijuelo.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 13 do subgrupo A do grupo I da Segunda Divisón B, que se suspendera polo temporal de neve Filomena, disputado no estadio municipal de Pasarón (Pontevedra) sen público polas restricións sanitarias derivadas da pandemia da covid-19
Relacionadas:
-
Churre apura as súas opcións de entrar na convocatoria fronte ao Compostela
Por Diego Espiño |
-
Mario Fernández ve o Pontevedra "con la moral muy alta" tras saír da súa mala serie de xogo e resultados
Por Diego Espiño |
-
O cambio de Rufo en Salamanca, só por precaución
Por Diego Espiño |
-
Rufo e Charles enganchan o Pontevedra á liga remontando ao Salamanca (1-3)
Por Diego Espiño |
-
Ao Helmántico sen marxe para o erro
Por Manu Otero |
-
Luisito, logo da súa reestrea en Pasarón: "Al equipo solo le faltó el gol"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Luisito, confirmado como novo adestrador do Pontevedra ata final de tempada
Por Diego Espiño |
-
Interminable caída libre do Pontevedra, superado polo Zamora e a piques de dicir adeus á meta do ascenso (0-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |