O Xuven quédase a un paso de dar a sorpresa ante o COB Ourense (65-68)
Por Redacción
Co mel nos labios quedouse o Conservas de Cambados despois de caer dando unha grande imaxe ante un equipo da liga Adecco Oro como o COB Ourense (65-68).
Poucos esperaban un partido así, pero o certo é que os amarelos saíron moi concentrados dende o inicio nun primeiro e segundo cuartos moi igualados (29-28).
Foi a partir do terceiro período cando os locais puxeron en máis apertos ao COB para desfrute dos afeccionados que acudiron ao Pombal.
O Xuven chegou a mandar por rendas de ata 10 puntos apoiado nunha boa defensa e na dirección de Juanchi Orellano, cunha diferenza de 8 ao chegar ao final do terceiro cuarto (54-46).
Pero non estaba todo dito e o conxunto ourensano reaccionou no tramo final para igualar o electrónico e xogarllo todo nun emocionante último minuto.
Foi entón cando apareceu Pedro Riveiro para, cun triplo e dous tiros libres, poñer en vantaxe os seus, unha diferenza que xa non puido recortar o cadro cambadés a pesar de gozar da posesión definitiva para forzar a prórroga.
Grazas a este triunfo o COB Ourense clasifícase para a fase final da Copa Galicia, onde se medirá en semifinais ao Obradoiro.
CONSERVAS DE CAMBADOS (65): Orellano (6), Norman Rey (8), Taylor García (11), Merino (5), Alberto Rodríguez (13) -quinteto inicial-, Ander (8), Juan Mato (2), Vaquero (3), Wildner (4), Diatta Diop (5), Patiño.
COB OURENSE (68): Kale (17), Rafael Huertas (6), Julio González (3), Pedro Rivero (13) Morentín (4) - quinteto inicial - Frutos (2), Iván García (5), Luettgerodt (3), Eduardo Martínez (13), N'Diaye (2).
Parciais: 17-18, 29-28, 54-46, 65-68.
Incidencias: Partido correspondente á Copa Galicia disputado no Pavillón do Pombal, Cambados.