Discrepancias entre os membros do Consello demoran de novo a presentación de contas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Case tres horas de duración, crispación en bastantes momentos que desembocou en conversacións iradas, en tons elevados claramente perceptibles dende o exterior. Fiel reflexo da tensión vivida na reunión celebrada na noite do martes polo Consello de Administración do Pontevedra na sede do club, en Pasarón.
A cita estaba convocada para as 19:00 horas. Nese momento unicamente compareceran na sala de xuntas tres dos sete membros do Consello: o actual presidente, José Manuel Fernández, xunto cos conselleiros José Antonio Millán e Luis Durán. Este último, ademais, exercía a representación delegada do anterior presidente, Mauricio Rodríguez, que unha vez máis dende o nomeamento de Millán como conselleiro, se abstivo de presentarse á reunión. Eran polo tanto catro membros, presentes ou representados, o que significaba que ao cuarto intento por fin se conseguira o quorum necesario para realizar a reunión.
Non compareceu o secretario do consello, José Manuel Dopico. Esperábaselle para que ratificase en persoa, e así constase en acta co fin de evitar gastos notariais ao club, a carta de dimisión do seu cargo de secretario que presentara previamente. Dopico, ao igual que Mauricio Rodríguez, tampouco volveu asistir a reunión ningunha dende o nomeamento de Millán.
Preto de 40 minutos máis tarde aparecía Lupe Murillo, quen ademais exercía tamén a representación de Ricardo Tilve. Con cara seria entraba na sala de xuntas. Apenas transcorreran cinco minutos cando as primeiras voces iradas se deixaron sentir no exterior e a considerable distancia. Era o anticipo do que sucedería logo.
A intención de José Manuel Fernández, actual presidente, de presentarlle aos seus compañeiros as contas correspondentes á tempada finalizada 2012-2013 non foi posible, segundo se dixo debido a que recibiu a documentación necesaria a última hora da mañá, sen tempo para analizala en profundidade. O propio presidente indicaba ao finalizar que confiaba en poder facelo a próxima semana nunha nova reunión do Consello.
O principal punto de fricción sería que os datos económicos poderían diferir notablemente dos presentados anteriormente ao Consello por Mauricio Rodríguez
Da tensión existente na reunión deixaban constancia as caras dos asistentes á súa conclusión. Aínda que houbo máis puntos de fricción, o principal puido ser o feito de que os datos económicos que se encontraron os membros do Consello poderían diferir notablemente dos presentados polo anterior presidente, Mauricio Rodríguez, ao mesmo consello antes da súa renuncia, o que levou a ter que afrontar diversos e importantes pagamentos correspondentes á tempada pasada con recursos correspondentes á actual.
José Manuel Fernández, na súa condición de presidente e como voceiro do consello manifestou: "en principio sólo pudimos hablar de las cuentas de esta temporada, es decir, la 2013-2014. Mis compañeros pudieron conocer los gastos y los ingresos de lo que va de campaña". Polo que se refire ás do pasado exercicio afirmou: "No tuve tiempo de verlas porque me fueron entregadas a última hora de la mañana".
Fernández recordou que "en estos momentos lo que más nos preocupa es poder hacer frente a los pagos al final de mes, tanto de los trabajadores como de los jugadores y para ello hay que buscar más ingresos".
O presidente desprazarase na mañá do mércores ata A Coruña para entrevistarse co delegado de Facenda, co fin de poder desbloquear a situación co principal acredor do club. Segundo transcendeu, Mauricio Rodríguez, puido limitar as súas xestións coa Axencia Tributaria á presentación dun escrito-solicitude a través do rexistro correspondente, pendente de resposta dende hai varios meses, o que provocou que o club non teña o certificado que lle permita acceder a cobrar as cantidades que poidan corresponderlle por subvencións ou contratos con organismos oficiais e coa Televisión de Galicia, que poderían chegar a perderse.