A Asociación de Peñas do Pontevedra organiza un desprazamento ao partido fronte ao Arosa
Por Ramiro Espiño
A recentemente creada nova Asociación de Peñas do Pontevedra xa se move. O colectivo, que integra a 15 das peñas actuais do club granate, organiza o primeiro desprazamento masivo para acompañar o equipo nos partidos que dispute a domicilio.
Neste caso será con motivo do derby que disputará o próximo domingo, día 22, a partir das 17:00 horas, na Lomba (Vilagarcía), fronte ao Arosa de Piscis.
Os afeccionados que desexen anotarse para este desprazamento poderán facelo dende o martes ata o próximo venres, nas taquillas do Estadio de Pasarón, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O prezo do desprazamento, que inclúe a entrada ao campo, é de 12 euros, e a saída dos autobuses que se consigan fretar terá lugar o domingo, ás 15:00 horas, dende o Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra.