Falece o ex-xogador do Pontevedra, Manuel García Barros
Por Ramiro Espiño
A familia granate volve perder un dos seus membros co falecemento de Manuel García Barros. Coñecido futbolísticamente como 'Barros', nacido en Cerdedo, e fillo do que fose vicepresidente granate, José García Blanco, tamén falecido recentemente, tiña 65 anos de idade. Con doce anos iniciouse no infantil do Pontevedra C. F., ás ordes de Carolo, pasando despois, aos xuvenís.
Formou parte da selección xuvenil galega e ao crearse o Atlético Pontevedrés, equipo filial do Pontevedra, incorporouse ás súas filas. Sería o paso previo ao seu debut en Primeira División co Pontevedra, en decembro de 1968. Dianteiro centro de gran facilidade anotadora, chamou a atención dos técnicos do conxunto granate, xa que nas dúas tempadas anteriores á súa chegada ao primeiro equipo, a primeira en Serie A Rexional e a última en Terza, anotou por enriba dos setenta goles.
Na súa primeira tempada no primeiro equipo granate xogou oito partidos, marcando un gol no Santiago Bernabeu fronte ao Real Madrid, que supuxo o empate a dous tantos e unha das sorpresas da liga, que gañarían os brancos. As lesións non obstante cruzáronse no seu camiño, e xa non volvería xogar en primeira división ata a súa chegada ao Real Club Celta no verán de 1970.
Barros volvería ao Pontevedra na tempada 1979/1980, co equipo granate militando en Segunda División B, e con Eulogio Vázquez Pereira de presidente. De novo as lesións impídenlle ter continuidade, causando baixa ao finalizar a campaña.
A condución do cadáver terá lugar o mércores, ás 10:45 horas, dende o Tanatorio Virxe do Camiño ata a Igrexa de San Bartolomé, onde se celebrará o funeral, para posteriomente proceder á súa inhumación no cemiterio parroquial de Mourente.