O Teucro recuperará o partido aprazado contra o Bordils o 6 de marzo, ao remate da primeira fase
Por Diego Espiño
O Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán fixou a data para o duelo aprazado o pasado 23 de xaneiro entre Sociedad Deportiva Teucro e Bordils por un gromo de covid no conxunto pontevedrés.
O choque, segundo confirmou aos clubs, disputarase finalmente o día 6 de marzo no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra nun horario aínda por fixar en función das restricións que estean en vigor nesa data, xa que os azuis adoitan xogar ás 20.30 horas e neste momento sería imposible.
Trátase en todo caso dunha decisión que causou certa sorpresa, xa que o partido terá lugar unha semana despois de que se dispute a última xornada da primeira fase na División de Honra Prata, competición que conta nas súas dúas últimas datas (20 e 27 de febreiro) con horario unificado para todos os seus encontros.
Na recta final da liga regular o Teucro, actualmente sétimo con 10 puntos e un partido menos, ten ao seu alcance o cuarto posto a que ocupa o Sporting Alicante (13 puntos). Os de Irene Vilaboa deben aínda xogar ante o Barcelona B o vindeiro domingo (12.00 horas) no Municipal, o propio Sporting Alicante fóra (14 febreiro), Lalín na casa (20 de febreiro) e Ibiza a domicilio (27 de febreiro), ademais de recuperar e doio fronte ao Bordils.
TEST OBRIGATORIOS
Unha das novidades na División de Honra Prata pasa polo cambio de criterio da Real Federación Española de Balonmán para completar a tempada, establecendo a realización de test de detección de coronavirus antes de cada xornada. Ata o de agora o Teucro, segundo establecíase na normativa autonómica, debía someterse a probas cada 15 días.
FEDE WERMBTER E MARKO DZOKIC
A nivel estritamente deportivo o cadro pontevedrés recupera para o tramo final da tempada a Fede Wermbter, solucionados os trámites burocráticos que lle retiñan no seu país desde as vacacións de Nadal. Desta forma o porteiro arxentino volverá estar esta semana ao dispor da súa adestradora.
Peor pintan as cousas para Marko Dzokic. O central xa se someteu á resonancia magnética prevista para determinar o alcance exacto da doenza no seu xeonllo que arrastrou en datas recentes, aínda que o seu regreso ás pistas antóllase polo de agora complicado.
Relacionadas:
-
Teucro-Lalín, un derbi decisivo que pode marcar a tempada
Por Diego Espiño |
-
O Teucro viaxa a Alacante para cortar a súa serie de tres derrotas consecutivas
Por Redacción |
-
Derrota do Teucro ante un superior Barça B (21-34)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Teucro estrea o ano con derrota ao estrelarse coa muralla defensiva do Atlético Novás (33-22)
Por Almu Dapena |
-
O xeonllo de Marko Dzokic di basta e mantén en albas o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro tenta recuperar a normalidade pendente de Fede Wermbter
Por Diego Espiño |
-
Competición apraza o Teucro-Bordils do próximo sábado 23
Por Redacción |