O Barbadás pon en evidencia a un Pontevedra sen xogo nin actitude competitiva
Por Ramiro Espiño
Para competir fan falta polo menos dúas cousas: concentración e intensidade. Ningunha delas tívoas un decepcionante Pontevedra na súa visita ao feudo dun recentemente ascendido e modesto Barbadás. Ao fútbol, sexa na categoría que sexa, non se xoga andando e si falo convértesche nun equipo previsible, fácil de anular para calquera rival. Pero si por encima de todo o anterior xogas ao que non sabes, ou ao que non estás afeito, nin tes os homes necesarios para ese estilo, acabas por ser vítima propiciatoria e pérdesche nun absurdo e burdo intento de chegar polo camiño máis curto, para compracencia do equipo rival.
Poucos minutos bastaron para comprobar que o Barbadás era o Barbadás, fiel ao seu estilo. Directo na súa proposta ofensiva e intenso e solidario na defensiva. O malo é que o Pontevedra nunca foi capaz de ser o Pontevedra. Incapaz de dar dous pases seguidos, os controcampistas vían voar "meteoritos" por encima das súas cabezas e nunca lograban recibir cómodos, nin no seu trote cansino dar saída ao balón e conectar con sentido e profundidade cos homes de arriba. Nin sequera vale como escusa o escenario, pequeno e de herba sintética, porque puidese selo para que non se faga un xogo vistoso, pero non para que non se meta a perna ou se eluda o choque co adversario na disputa do balón.
Era unha simple cuestión de tempo. Sen ocasións de perigo en ningunha das áreas, víase que o Barbadás sabía ao que xogaba e o Pontevedra facíao ao que lle deixaba o rival, ou sexa, a nada útil nin práctico.
A primeira e única aproximación granate nin sequera terminou en remate, aínda que non foi gol de milagre. Evitouno Berto nun alarde de reflexos, ao interceptar un balón que Luís González desviara cara a sua portería ao cortar un centro lateral de Jacobo. Era o minuto 13 de xogo e alí acabouse a pólvora do Pontevedra. Triste bagaje ofensivo nun partido para esquecer.
Noutra acción a balón parado mal defendida chegou o primeiro gol
Máis práctico o Barbadás tiña mellor pinta nas súas accións. Desde os seus envíos en longo cara a Javi Ramos, ata os seus diagonales en busca de Jaime ou Cristian. Os mozos centrais granates (do pouco que se salva da debacle) impuxéronse por alto, pero non puideron evitar o remate de Martín Fernández que adiantaba (outra vez a balón parado) ao Barbadás.
O Pontevedra acusou o gol, pero non reaccionou. Ao contrario, cando se rozaba o descanso, Cristian desborda a un Cristóbal brando na súa marca e serve atrás para que Jaime empalme de forma inapelable. O público local non llo cría, pero o resultado era absolutamente xusto, porque si un equipo puxo intención, ganas e sentido na loita, ese foi o local.
Da segunda parte mellor esquecerse. O Barbadás quedábase cun menos nunha expulsión evitable de Oli o que serviu para poñer aínda máis en evidencia o mal día dos granates. Perdidos, sen ideas, os de Milo limitáronse a mover a pelota ao tran-tran, recorrendo ao inútil envío de balóns frontales á olla que o único que conseguían era facilitar a tarefa defensiva do cadro ourensano.
Incomprensiblemente Milo mantíñase sen mover o banquiño ata que restaban menos de 20 minutos, limitándose a intercambiar de posición aos dous laterales, igual de desacertados nunha banda que noutra, así como a terminar cunha ridícula "solución Alesanko", con Sestelo de dianteiro centro cando apenas quedaban catro minutos para o final. O resultado foi unha posesión de balón para os granates tan constante como insulsa, baste dicir que co Barbadás encerrado ata o minuto 93 non chegaría o segundo e último disparo a porta entre os tres paus dos granates, nun lanzamento afastado de Santi Domínguez que só serviu para que se adornase Berto.
U.D. BARBADÁS: Berto (1); Jorge (2), Vieytes (2), Martín Fernández (2), Oli (1); Luís González (2); Cristian (2), Rafita (2), Nuno (2), Jaime (3); Javi Ramos (1).
Sustituciones: Min. 46 Ismael (1) por Cristian. Min. 70 Walter Martín (1) por Javi Ramos. Min. 73 Felipe (1) por Jaime.
PONTEVEDRA C.F.: LLoves (1); Adrián Gómez (0), Yago Vázquez (2), Pablo (2), Cristóbal Juncal (0); Tubo (0), Tomás (0), Moisés (0), Jacobo (1); Santi Domínguez (0), Stefan (0).
Sustituciones: Min. 72 Fran Fandiño (s.c.) por Tomás. Min. 72 Richi (s.c.) por Adrián Gómez. Min. 86 Sestelo (s.c.) por Yago Vázquez.
Árbitro: Pedro Rey Simón, auxiliado nas bandas por ÿscar González Santos e Pablo Álvarez Calderón (Vigo). Expulsou no bando local a Oli (min. 57) por dobre amarela e a Cristian (min. 57), con vermella directa cando se atopaba no banquiño logo de ser sustituído, a indicación do seu asistente. Polo Pontevedra expulsou a Jacobo (min. 82) por dobre amarela. Ademais amonestó a Berto, Jaime, Pablo e Tubo.
Goles: (1-0) Minuto 24. Martín Fernández peitea no bordo do area pequena unha falta lateral botada por Nuno. (2-0) Minuto 42. Cristian vaise de Cristóbal e desde a liña de fondo asiste para que Jaime fusile a pracer.
Incidencias: Campo Municipal de Vos Carrís. Algo máis de 500 espectadores.
VESTUARIOS:
Milo Abelleira: Non se mordeu a lingua o técnico granate, visiblemente molesto coa pobre actuación e peor imaxe que deixara o seu equipo: "Máis que o resultado dóeme a imaxe. Temos que ser conscientes que representamos a unha entidade como o Pontevedra e o que iso significa e non podemos arrastrarnos polo campo como o fixemos hoxe". Milo seguiu con contundencia nas súas palabras: "Faltounos intensidade e concentración. Sabiamos que o rival ía saír a por todas e que posiblemente había que levar patadas para competir e non o fixemos, encollíasenos a perna para non levar un golpe e así é imposible impoñerse a un equipo que nos superou por ganas e ambición".
Máis duro aínda foi o técnico pontevedrés cando se lle interpelou pola tardanza en efectuar os cambios: "Hoxe era un día que non había que cambiar aos once, había que cambiar os dieciseis. Tiñamos que cambiarnos todos. Non demos a talla e temos que recapacitar sobre ésto porque fóra de casa a imaxe que estamos dando é lamentable e non se pode admitir". Con respecto á falta de acerto nas accións de estratexia, Milo indicou: "Si non imos con fé a buscar o balón dá igual o que fagamos nas xogadas a balón parado. Para rematar ou intentalo hai que entrar con intensidade e esa faltounos durante todo o partido"
Jorge Regal: A outra cara da moeda era o técnico ourensano: "Para nós é unha gran vitoria. O Pontevedra é un equipo doutra categoría, co que é un honor competir e superámoslle penso que con todo merecimiento. Ademais demostramos na primeira parte que sabemos xogar ao fútbol, tanto que ata eles foron máis directos na súa proposta que nós, que tratamos de saír co balón xogado". O adestrador local elogiaba a entrega dos seus xogadores: "Somos un equipo que ten unha gran preparación física e iso permítenos manter un alto ritmo durante todo o partido, o que nos serviu para presionarlles sempre na saída de balón e defender na segunda parte sen moitos agobios".
O adestrador local tirou de diplomacia ao opinar sobre como vira ao Pontevedra: "O Pontevedra?, simplemente penso que nós hoxe fomos mellores".