A inactividade pasa factura ao Cisne en Cuenca no regreso da Liga Asobal (36-25)
Por Diego Espiño
Desde o 12 de decembro non disputaba un partido oficial o Dicsa Modular Cisne. Máis de mes e medio de parón entre o Nadal e o Mundial de seleccións que pasaron factura aos pontevedreses no regreso da competición este martes na Liga Asobal, cun partido na pista do Incarlopsa Cuenca Ciudad Encantada.
Xa de seu era un reto complicado para os de Jabato, ante o oitavo clasificado, pero a falta de ritmo e as imprecisións convertérono moi pronto nun imposible.
Tamén lle custou desperezarse ao cadro local, que comezou cun par de perdas, e de feito tiveron que pasar case tres minutos para ver o primeiro gol, do 'debutante' Gonzalo Carró para o Cisne tras a súa lesión. Foi a única vantaxe visitante, e o Ciudad Encantada tardou pouco en tomar a dianteira, a medida que se ía entoando en ataque. Polo contrario os erros penalizaban moito nos lerezanos, que non vían porta e perdían a posesión con facilidade.
Co marcador en 5-1 Jabato pedía o primeiro dos seus tempos mortos, pero sen atopar reacción. Unhas veces a madeira, outras Leo Maciel na portería negaban o tanto e mentres tanto sen fallo o lanzamento o Cuenca empezaba a abrir unha renda demasiado grande. Javi Vázquez puxo fin a case 9 minutos sen anotar, poñendo o 7-2, e a ferida seguiu crecendo ata un 11-3 que obrigaba de novo ao técnico cisneísta a parar o partido.
Mellorou lixeiramente o Cisne, non era complicado, aínda que sen conseguir reducir a desvantaxe, que ao descanso e tras aproveitar unha dobre exclusión nos pontevedreses era de 9 goles (17-8).
Practicamente sen opcións de puntuar, o Dicsa Modular desposuíuse dos nervios no inicio da segunda metade, e sen esa mochila empezou a imprimir algo máis de ritmo ao seu xogo, ata parecerse algo máis ao equipo que tan ben competiu durante a primeira volta da liga. Así, polo menos durante uns minutos, conseguiron dar un pequeno susto ao ata entón seguro Ciudad Encantada. Tras varias accións rápidas e correndo tamén ao contragolpe o marcador comprimíase ata un 20-14 que facía reaccionar ao banco local, antes de que a tendencia se consolidase.
Aí acabouse a reacción, porque os de Cuenca recuperaron a concentración endosando ao Cisne un doloroso parcial de 8-0 para despexar calquera dúbida sobre o resultado final. Desde ese momento e ata o final o equipo anfitrión limitouse a controlar a súa vantaxe sen maiores sobresaltos.
Unha derrota que debe servir de aprendizaxe e de rodaxe para os pontevedreses, que este mesmo sábado terá a opción de desquitarse na visita do Granollers ao Municipal. Para loitar polos puntos será imprescindible mellorar as prestacións.
Consulta as estatísticas do partido entre Incarlopsa Cuenca e Dicsa Modular Cisne.
Relacionadas:
-
O Cisne tramita a contrarreloxo a incorporación do brasileiro Guilherme Valadao
Por Diego Espiño |
-
Os xogadores do Cisne retoman os adestramentos superado o seu segundo confinamento da tempada
Por Diego Espiño |
-
Confirmado o aprazamento do derbi galego de Asobal entre Cisne e Cangas
Por Redacción |
-
Confirmados dous positivos máis no Cisne, que espera volver os adestramentos esta semana
Por Almu Dapena |
-
Un positivo por covid no Cisne obriga a suspender o partido ante o Granollers deste sábado
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
Segundo partido tras o parón do Cisne recibindo o Granollers
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Mes e medio despois, o Cisne volve a escena con enerxías renovadas
Por Manu Otero |
-
Álex Chan, de volta a Pontevedra tras quedar sen Mundial pola covid-19: "EEUU hubiese sorprendido a mucha gente"
Por Diego Espiño |
-
O Cisne confirma a fichaxe de Ángel Iglesias tras desvincularse do Teucro
Por Redacción |
-
O Cisne suspende o Memorial Luaces que lle ía a enfrontar ao Atlético Novás
Por Redacción |
-
Gonzalo Carró, a mellor 'fichaxe' invernal para o Cisne: "El médico me ha dicho que estaba mejor de lo que esperaba"
Por Diego Espiño |