Sufrida vitoria do Viajes Interrías fronte o Sárdoma (3-1) e repartición de puntos entre Mos e Arousana (2-2) e entre Umia e Victoria CF (1-1)
Por Almu Dapena
Seguen sumando os equipos da comarca de Primeira Nacional tras a xornada desta fin de semana. O Viajes Interrías sufriu para facerse coa vitoria fronte ao Sárdoma en San Pedro; ao Atlético Arousana sobroulle o tempo de desconto e levou un punto da súa visita á UD Mos; e o Umia CF sufriu nos minutos finais para salvar o empate ante o Victoria CF.
VIIAJES INTERRÍAS 3-1 SARDOMA
Adiantouse moi pronto o Viajes Interrías. Non transcorreran nin 10 minutos cando aproveitaron unha xogada de balón parado para dar o primeiro golpe ao Sárdoma. Paula Dapena cabeceou á rede unha falta botada maxistralmente por Balo para abrir o marcador e estrearse como goleadora esta tempada.
O equipo de Sanxenxo era o que dominaba o xogo e, aínda que era capaz de xerar ocasións claras, impedía que o Sárdoma sentise cómodo na súa procura do empate. Avisou o Viajes Interrías cando se alcanzaba o ecuador da primeira metade, pero o disparo de Judit estrelouse na defensa viguesa; minutos despois, a protagonista da anterior xogada roubou un balón en saque de banda, cedeu a Connie e esta última a Tania Esperón, que conduciu ata chegar ao bordo da área desde onde sacou un derechazo que tocou primeiro no traveseiro para despois coarse no interior da portería de Olalla.
Co 2-0 chegou o sufrimento para o Viajes Interrías. O Sárdoma deu un paso adiante e, de tanto buscar o gol, finalmente acabou chegando. No minuto 31, Yaiza levou en velocidade á súa defensora e enviou un centro perfecto ao área pequena onde Tania rematou a pracer para colocar o 2-1 e cambiar o partido por completo.
O gol fixo dano ás locais que, aínda que tiveron o 3-1 outra vez en Dapena (que enviou ao traveseiro o remate dunha falta botada por Balo), comezaron a sufrir as continuas chegadas dun Sárdoma que pasou a buscar un empate que ía chegar senón fóra polas continuas intervencións de Tania Cores.
Despois do paso polos vestiarios, o vento volveu soprar a favor dun Interrías moi contundente cada vez que se achegaba a portería rival. Así, aos 3 minutos, Balo sacou un córner ao primeiro pau desde onde Cata rematou á rede para, esta vez si, poñer o 3-1. A resposta do Sárdoma chegou ao momento noutra xogada estratéxica a balón parado tras unha triangulación entre Paula e Elena pero finalmente terminou no traveseiro da portería local. O rexeite foi para Yaiza, pero o colexiado anulou a xogada por fóra de xogo da xogadora viguesa.
Seguiu tentando recortar diferenzas o equipo visitante que tivo unha das ocasións máis claras do partido pero non soubo aproveitala. No minuto 60, Noe desde a banda esquerda sacou un disparo sen perigo aparente pero que Tania Cores non foi capaz de atrapar, deixando o balón morto na área pequena onde se atopaba Nere Cruz, que rematou a pracer a porta baleira pero coa mala fortuna de que o seu tiro non viu portería.
Aguantou como puido o Viajes Interrías que puido sentenciar por mediación de Laura Lorenzo e que se estaba salvando pola falta de definición dunha Paula Monteagudo que chegaba a área rival pero non era capaz de materializar o que tiña.
Así, alcanzouse o final do encontro cun resultado de 3-1 e nova vitoria do Viajes Interrías que se asenta no liderado do grupo 1A de Primeira Nacional.
UD MOS 2-2 ATLÉTICO AROUSANA
Ao Atlético Arousana sobroulle o tempo de desconto no encontro contra o Mos disputado este domingo. As de Vilagarcía, que chegaban á cita tras lograr a súa primeira vitoria en liga a pasada xornada, fallaron un penalti na primeira metade que as poñería por diante e terminaron cedendo un empate no tempo extra.
Partido moi rifado o disputado nas Baloutas, cunha Arousana moi ben plantado no campo que deu a iniciativa ao Mos e tentou xerar ocasións á contra. O equipo local foi claro dominador do esférico creando perigo polas bandas e gozando de numerosos saques de esquinas cos que puxo en aprietos ao rival. A partir do minuto 20 foi cando o Arousana empezouse a sentir máis cómodo no terreo de xogo e tivo a súa mellor ocasión nun penalti que Carolina estrelou no pau.
Co 0-0 chegouse a unha segunda metade onde chegou o aluvión de goles. Adiantouse o Mos no minuto 59 por mediación de Joana, que chegou ao primeiro pau para peitear o saque de esquina ao interior da portería de Iria Ferreiro.
Non baixaron os brazos as xogadoras do Arousana que seguiu confiando en dar a volta ao marcador. Así, tras unha moi boa transición, Anita enviou un balón filtrado a Carolina que sacou un zurdazo que se coou pola escuadra local (min. 65).
Pasaban os minutos e as visitantes estaban cada vez máis cómodas no terreo de xogo mentres os nervios apoderábanse dun Mos que vía perigar o encontro. Puido poñerse por diante o Arousana en varias ocasións por mediación de Melani non estivo acertada. Foi Dini a que, cun disparo cruzado, fixo o 1-2 no minuto 86 co que parecía que ía concluír o encontro. Con todo, cando se alcanzou o tempo de desconto, a goleadora do Mos fixo o seu segundo tanto do partido para devolver a igualdade coa que se alcanzou o asubío final.
UMIA CF 1-1 VICTORIA CF
As que tamén empataron foron Umia e Victoria no partido disputado durante a tarde de domingo na Bouza. O equipo local cambiou o sistema de xogo para anular ao rival cunha presión alta en saques de portería e de banda do equipo contrario e que xogasen o mínimo posible.
Así, as ocasións na primeira metade foron escasas. Aínda que as de Coruña tiveron a oportunidade de poñerse por diante cun tiro de Ceti que se estrelou no poste, Eva tívoa para o Umia despois dunha moi boa triangulación entre Carlita e Lidia pero o seu disparo foise polo lateral da portería.
Os goles chegaron no segundo acto. Adiantouse o Umia no minuto 64 cun gol de Eva ao aproveitar un pase ao espazo de Nati. A goleadora local aproveitou que a porteira estaba replegando de costas e enganchou un zurdazo que se coou ao interior da portería.
Por mor de aí as locais seguiron dominando, buscando o segundo gol que lles dese a tranquilidade. Tivo dúas claras ocasións Eva pero niso quedaron, con todo, cando se cumprían os últimos 5 minutos do tempo regulamentario Ainhoa Varela cometeu un penalti que Ceti encargouse de materializar.
Co 1-1 o Vitoria deu un paso adiante e tratou de facer dano ao Umia cos contragolpes pero as de Barrantes souberon aguantar para salvar un punto moi valioso.
Relacionadas:
-
Derrotas do Viaxes Interrías, Umia e Atlético Arousana a falta de dúas xornadas para o final da liga
Por Almu Dapena |
-
Derrotas do Umia e Atlético Arousana fronte ao Victoria FC e Deportivo B
Por Almu Dapena |
-
O Interrías vence o Victoria CF e é máis líder (1-3), e empate sen goles entre os pechacancelas Arousana e Valladares
Por Almu Dapena |
-
Sufrida vitoria do Viajes Interrías fronte o Sárdoma e empates da Arousana e do Umia
Por Almu Dapena |
-
Dura derrota do Umia en casa do Sárdoma (4-2) e continúa o liderado do Viajes Interrías tras empatar co Deportivo 'B' (1-1)
Por Almu Dapena |
-
Goleada do Viaxes Interrías no derbi ante o Arousana (5-0), e sorprendente vitoria do Umia fronte o Deportivo 'B' (4-1)
Por Almu Dapena |