Heroica resistencia do Arosa ao salvar un empate con oito xogadores no campo do Ourense CF (1-1)
Por Almu Dapena
Primeiro encontro oficial do Arosa despois das vacacións de Nadal ao non poder disputar os dous últimos duelos con motivo do covid-19. Este domingo, o equipo adestrado por Rafa Sáez desprazouse ao Couto para disputar un partido igualado e cheo de polémica ante o Ourense CF. O equipo de Vilagarcía, que foi o primeiro en golpear cun gol de Pedro Beda aos 6 minutos de comezar a segunda metade, tivo que resistir contra vento e marea para sacar un punto a domicilio ao quedar con 8 xogadores polas expulsións de Pedro García, Mon e Álex Cobo.
Empezou o encontro con ambos os equipos tratándose de ti a ti, colocados nun terreo de xogo en mal estado que obrigou a realizar un xogo máis directo para chegar canto antes á área rival. Aínda que tiveron algunha que outra ocasión tanto Ourense como Arosa na primeira metade, os disparos chegaban sen forza e ningún foi capaz de abrir a lata ata chegar ao segundo acto.
Tras o paso polos vestiarios saíu máis ambicioso o Arousa, que se viu recompensado co gol no minuto 51. Rober regateou ao seu defensor e axustou o seu disparo de maneira maxistral á escuadra da portería de Juanvi para facer o 0-1. Tivo o 0-2 o Arosa no minuto 57 pero o colexiado anulou a xogada por fóra de xogo e o gol non subiu ao marcador.
Cando todo parecía que ía ben no Arosa e cando mellor estaba a xogar, quedaron cun menos. Pedro García foi expulsado por vermella directa no minuto 59 nunha xogada un tanto dubidosa. O xogador arlequinado agarrou ao seu rival no medio do campo e o colexiado interpretou que despois do agarrón houbo algo máis.
Nun intervalo de 3 minutos houbo outra expulsión no campo. Mon, que xa tiña unha cartolina amarela, viu unha segunda ao cometer falta sobre Wadir e deixou ao Arosa con 9 xogadores. Ante esa situación e coa necesidade de manter o a portería a cero, Rafa Sáez cambiou o sistema de xogo e pechou aos seus atrás con Pedro Beda como xogador máis adiantado.
Seguían pasando os minutos e o Ourense deu un paso adiante para aproveitar a superioridade numérica e atopar o empate. Reclamaron unha man de Javi Otero dentro da área tanto xogadores como a bancada do Couto pero nin árbitro nin asistentes viron nada e seguiu o xogo. Cando si que viron man dentro da área do Arosa foi despois dun lanzamento de córner do Ourense. Esta vez, o colexiado non dubidou. Tivo o empate o equipo local pero Álex Cobo, que xa parara un penalti esta tempada, volveu ser protagonista para adiviñar o disparo de Andoni desde os 11 metros e evitar o 1-1.
O Arosa defendía con todo e nunha xogada illada tivo o 0-2 que lle podía dar tranquilidade despois de que Pedro Beda sacase un disparo afastado ao ver adiantado ao porteiro, este deu no traveseiro.
Non quedaba tempo para moito máis, pero os xogadores do Couto non paraban de apertar en campo rival para buscar o empate e, de tanto buscalo, finalmente víronse recompensados. No minuto 89, tras un centro de Erni, Casio rematou á rede do Arosa e devolveu a igualdade ao marcador.
Parecía que o partido ía concluír tras o gol, pero a polémica seguiu e chegou unha nova expulsión. Álex Cobo, que ía sacar de portería, viu dobre amarela seguida por perda de tempo, deixando ao Arosa con 8 xogadores. Cotilla cambiou o seu lugar no lateral esquerdo e colocouse as luvas para impedir custe o que custe o segundo dun Ourense que seguía insistindo.
Era o conto de non acabar, os xogadores do Arosa buscaban perder tempo por todos os medios e, cando se alcanzou o minuto 97 e medio, o ártbitro pitou o final e o Arosa salvou un empate moi valioso xogando con 3 xogadores menos.
Consulta a acta do Ourense CF-Arosa
Relacionadas:
-
Fixan o esperado Arenteiro-Arosa aprazado pola covid para o mércores 10 de febreiro
Por Redacción |
-
Arosa e Barco repártense os puntos nun partido no que os locais mereceron máis (2-2)
Por Redacción |
-
Un positivo no Ribadumia obriga a suspender o seu partido contra o Atios
Por Redacción |
-
Un gromo de covid-19 na UD Ourense obriga a suspender o partido contra o Arosa
Por Redacción |
-
Kilian reforza o ataque do Arosa
Por Redacción |
-
O Ribadumia estrea o ano con derrota fronte o Ourense CF (2-4)
Por Redacción |