Comezo con vitoria sufrida do Teucro (22-19) sobre o Pozoblanco no partido inaugural da liga
Por Ramiro Espiño
Coma se da pretempada se tratase, pero unicamente polos desaxustes mostrados no xogo colectivo do equipo. O Teucro arrancou o seu primeiro partido de liga fronte ao Pozoblanco atenazado pola responsabilidade e excesivamente nervioso.
Espeso en ataque e demasiado permeable en defensa, a primeira metade salvárona os de Javier Barrios pola achega en portaría dun Juan Bar que segue na súa fenomenal liña da pasada campaña, conseguindo chegar ao descanso cun mínimo resultado en contra, fronte a un Pozoblanco limitado ao seu lateral esquerdo, Julián Portero, ao que nunca puido frear a defensa azul.
Só dous goles marcados nos primeiros 17 minutos, son fiel reflexo do atoamento de ideas e da falta de fluidez no ataque teucrista. O Pozoblanco non o facía mellor, pero tiña a Julián Portero para tapar e disimular carencias de xogo. Oito goles do lateral dos 11 do seu equipo, nos primeiros trinta minutos, son clara proba de que o problema do Teucro tiña nome.
Aínda así, o espertar de Miguel Porto e Tomás Moreira, nos últimos minutos do primeiro tempo, permitiron ao Teucro marchar ao descanso con todas as opcións.
A segunda parte non comezou mellor, salvo en que Juan Bar fixo aínda máis grande a súa presenza. Este feito e unha exclusión do mellor home visitante, Julián Portero, abondou para que o Teucro tomase a dianteira da man de David Chapela (15-13, minuto 38).
Miguel Porto, cun sensacional lategazo, consegue o 16-13. Tres goles de vantaxe que obrigan o técnico andaluz a pedir tempo morto (minuto 40).
Os azuis soltaran amarras tapando a vía de auga que supoñían as accións de Julián Portero, subindo a intensidade defensiva e movendo o balón con fluidez en ataque.
O parcial favorable ao equipo local empezaba a ser de escándalo. Do 11-13 ao 18-13. Un rotundo 7-0 que deixaba o partido moi ben encarrilado a falta de 14 minutos. Parecía sentenciado, pero ninguén contaba co que pasaría nos seguintes minutos.
Por se fose pouco, o Pozoblanco, que viaxou con só 12 xogadores, empezou a acusar cansazo nos seus homes claves, malia o cal fixo un último intento adiantando a súa defensa ata a liña de nove metros, e case lle dá o froito desexado cando o partido estaba absolutamente decantado para os locais, logrando poñerse a un só gol por debaixo no marcador (19-18, a falta de cinco minutos).
A sensacional actuación do porteiro Juan Bar foi clave para a vitoria teucrista
O Teucro atáscase nesa agresiva defensa andaluza e ademais sofre unha dobre inferioridade que aproveita Pozoblanco para empatar. As cousas pintaban mal, pero volve aparecer Juan Bar con dúas intervencións milagrosas. A defensa axusta posicións e o ataque por fin resolve, con goles de Miguel Porto, Tomás Moreira e Alejandro Pombo para anotarse a primeira vitoria ligueira. Con altibaixos, pero merecida e soportada nun Juan Bar marcando diferenzas unha vez máis.
S.D. TEUCRO (22): Juan Bar; Alejandro Pombo (1), David Chapela (3), Miguel Porto (6), Tomás Moreira (4), Víctor Rodríguez (1), Carlos García (2, 1 de penalti) -sete inicial-, Dani Cadilla (p.s.), Marcos Dorado (1), Carlos Pombo, David García Pichel (2), César Armán (1), Borja Pedreira (1) e Miguel Sío.
C.B. POZOBLANCO (19): Antonio Carreño; Nacho del Castillo (3), Alberto Requena (1), Francisco Bustos, Julián Portero (9, 3 de penalti), Mathieu Pascal, Ángel Povedano (1) -sete inicial-, Víctor González (p.s.), Agustín Casado (3), Adrián Santamaría (2), Juande Castro e Jorge López Ariza.
Árbitros: Alfredo Arcos Adeva (Madrid) e Antonio Martín García (Castela León). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (3, descualificado a falta de 8'24"), Borja Pedreira, Víctor Rodríguez, Carlos García, Ángel Povedano (2) e Julián Portero.
Marcador (cada cinco minutos): 1-1, 2-2, 2-3, 4-6, 7-9, 10-11 (descanso), 13-13, 16-13, 18-13, 19-15, 19-18 e 22-19 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.