Reválida para o Pontevedra en Pasarón coa visita do Cultural Areas
Por Ramiro Espiño
Despois dunha semana movida no seo do Pontevedra, coa baixa de Iago Paz e a alta de Pablo Carnero, os granates afrontan o seu segundo partido en Pasarón coa obriga de gañar e convencer a unha afección descontenta co arranque ligueiro, e moi especialmente co mal xogo do equipo que adestra Nando nos tres partidos anteriores fronte ao Choco, Villalbés e Grixoa.
Visita Pasarón un recén ascendido como o Cultural Areas, que tampouco conseguiu arrancar de forma positiva, sumando un só punto dos nove disputados, con derrotas fronte a Rápido de Bouzas e Deportivo B, sumando un empate fronte ao Barbadás na pasada xornada. Aínda así, o equipo dirixido por Julio Alvarez-Buylla, opuxo seria resistencia a todos os seus rivais, vendendo moi cara a súa derrota en Abegondo, onde caeu pola mínima.
O partido, que dará comezo o domingo ás 18:00 horas, será dirixido polo colexiado coruñés Iván Domínguez de Bernardi, un árbitro que non chega precisamente avalado polas súas boas actuacións na tempada pasada, na que conseguiu unha das máis baixas puntuacións do colectivo da Terceira División.
Nando, que non poderá contar para este partido con Benja, Caco e Javi Otero, por lesión, tras o último adestramento semanal realizado o venres decidiu convocar a todos os xogadores dispoñibles, nunha lista na que, ademais de Pablo Carnero, entra por primeira vez o centrocampista Pablo Lede. Un total de 17 xogadores, dos cales Nando terá que descartar un minutos antes de comezar o partido.
COPA FEDERACIÿN
O Pontevedra terá que afrontar no espazo dunha semana tres partidos, xa que á visita do Cultural de Areas e o desprazamento do próximo domingo ao campo da Lomba, para enfrontarse ao Arosa, os granates haberán de iniciar a súa participación na Copa Federación, co partido de ida das semifinais, fase autonómica, que o enfrontará ao Compostela.
O devandito compromiso fixouse para o mércores, día 18, ás 20:00 horas, no Multiúsos de San Lazaro, en Santiago de Compostela.
O FILIAL RECIBE O VALLADARES
A xornada matinal do domingo ofrécenos un interesante partido no sintético da Xunqueira, onde o Pontevedra B recibe (12:00 horas) a visita do Valladares, coa obriga de puntuar para estrear a cuadrícula, xa que os rapaces de Manu Fernández son o único equipo que conta por derrotas os tres partidos disputados.