O Arxil remonta ante o Celta e termina rozando a vitoria (73-70)
Por Almu Dapena
Comezou o maratón de dous partidos en menos de 24 horas para o Club Baloncesto Arxil. As de Mayte Méndez fixeron parada este sábado en Vigo para enfrontarse ao Celta Zorka, rival situado na parte alta da táboa pero non superior en canto a xogo. Empezou mal o Arxil, que chegou a ir con 15 por baixo, pero grazas á efectividade anotadora de María Lago (22 puntos) e de Forster (14 puntos), foron capaces de poñerse por diante. Con todo, os erros puntuais volveron condenalas e terminaron caendo por 73-70.
Disparouse pronto o marcador a favor das de Vigo, que se fixeron donas dos rebotes en defensa impedindo ao Arxil unha segunda oportunidade nos seus lanzamentos. Estábaselle indo das mans o partido ás visitantes e, cun resultado de 18-6, Mayte Méndez decidiu parar o cronómetro e reordenar ás súas e así frear o despegamento rival. Reaccionou tras o tempo morto pero o Celta, moi acertado nos tiros de tres, fixo máis grande a ferida para chegar cun parcial de 28-13 ao final do primeiro acto.
Non se deu por vencido o Arxil, que anotou un 0-6 da man de María Lago e Sara Castro obrigando á técnica local a pedir tempo morto. Atopábase con problemas o Celta, que empezaba a ver como as de Pontevedra reaccionaban de maneira impecable incrementando a súa actividade defensiva e así recortar diferenzas (min. 5, 32-25).
As celestes atoparon a luz a través dos lanzamentos de exterior que aumentaron a diferenza en 10 puntos que cortaban o refacho do Arxil. De novo, Mayte Méndez paraba o tempo para frear ao Celta, que se foi nun punto máis para chegar ao descanso cun 43-32.
O paso polos vestiarios foi un sopro de aire fresco para as de Pontevedra, que grazas ao acerto ofensivo de María Lago (+5) reducían distancias (48-42). A Cristina Canteiro non lle gustaba o que estaba a ver na cancha e pedía tempo morto para paliar os problemas de fronte ao aro das súas. Non serviu de nada, senón que viron como co triplo de Natalia López e o tiro de dous de Forster, quedaban a un punto de igualar o partido (48-47).
A capacidade defensiva do Arxil estaba a ser para enmarcar, roubando cada ataque rival para convertelo en canastras ao seu favor e poñerse por diante por primeira vez no encontro (48-49). Finalmente, táboas no electrónico a 52 e con todo por decidir no último cuarto.
Volveron os problemas para as de verde cando o Celta pisou o acelerador para irse cunha diferenza de 64-58. Mayte Méndez pedía tempo morto para, nos 5 minutos e medio que quedaban por diante, darlle a volta ao marcador. María Lago reducía distancias cun triplo, pero o Celta volvía respirar sumando outros tres puntos tras unha falta antideportiva do Forster.
O partido non podía estar máis igualado. O Arxil ía por detrás en dous puntos e facíase co esférico no ataque rival para xerar o contragolpe do empate. Facíanlle falta a Natalia López e esta igualaba desde a liña de tiros libres (67-67).
Quedaban 36 segundos e Canteiro paraba o tempo ao ver que o marcador non se moveu. Foi cunha xogada buscando debaixo do aro a Stamenkovic cando o Celta anotou o 69-67. O balón era para o Arxil e Mayte Méndez chamaba ás súas para xerar unha xogada estratéxica que igualase o marcador. Non puideron nin sacar o lanzamento, a forte defensa creada polo Celta provocou o erro en ataque e, con el, dous tiros libres para as de Vigo. Non fallou Celia García, que puxo o 71-67.
María Lago anotou de 3 para, de novo, reducir a un punto o marcador. Non quedaba tempo para moito máis e as xogadoras de Pontevedra víronse obrigadas a facer unha falta para que o cronómetro deixase de consumirse. Outra vez, desde os tiros libres, Celia García incrementaba a vantaxe para sentenciar o encontro en 73-70.
A próxima cita das de Mayte Méndez será este domingo, 17 de xaneiro, ás 12:00 horas no CGTD ante o Ibaizábal.
Consulta as estatísticas do Celta-Arxil
Relacionadas:
-
Quinta vitoria para o Arxil, que sentenciou no último cuarto ante un combativo Rosalía (53-48)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Un Arxil minguado polas baixas busca cortar a súa mala serie fronte ao recentemente ascendido Rosalía
Por Redacción |
-
Acordo para a saída de Bineta Ndoye do Arxil
Por Diego Espiño |
-
Un Arxil de altibaixos termina o seu maratón de partidos con derrota ante Ibaizábal (55-65)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Arxil pon data aos seus partidos aprazados, con dúas xornadas en 24 horas
Por Redacción |
-
O Arxil reencóntrase coa vitoria ante a súa afección á conta do Maristas Coruña (72-61)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Os erros puntuais no último cuarto condenan o Arxil ante o Ferrol (81-60)
Por Almu Dapena |