Quince colectivos de afeccionados constitúen a nova Asociación de Peñas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
A iniciativa do novo membro do Consello de Administración do Pontevedra e representante do colectivo Acción Granate, José Antonio Millán, de volver crear unha asociación que agrupase ás peñas do club granate deu os seus froitos e dende a noite do mércores, o Pontevedra conta de novo cun colectivo de afeccionados agrupados na nova Asociación de Peñas do Pontevedra club de fútbol.
Despois das xestións que se viñeron efectuando nas últimas datas, un total de 15 penas inscribíronse na nova asociación, e na reunión efectuada nas oficinas do club en Pasarón, procederon a elixir a súa xunta directiva, ademais de fixar os primeiros pasos para brindar o maior apoio posible ao equipo dende esta próxima xornada.
As peñas que forman a Asociación son: Unión Granate, Furya Granate, Referencia Granate, Ultrasur Miramar, 5%, Apag-Granavedra, Sempre Granates, Pena San Breixo, Catavento, Helenes, Myma, Fossa Grana, Quinquis, Licor Granate e Feira Granate, quedando aberta a posibilidade de que se vaian incorporando outras peñas, tanto das xa existentes como de nova creación.
En canto á directiva elixida, a presidencia recaeu sobre Francisco Ferro, mentres que o resto de funcións llas reparten así: vicepresidente: Milagros Tajes, secretario: Jorge Soto, tesoureiro: Manuel Fuentes e vogais: Alberto Carrera, Pablo Cacheda, Jose María Baso, Jose Manuel Cachafeiro e Antón Rosales.
Na nota que fixeron chegar aos medios de comunicación, a nova asociación agradece as facilidades dadas polo consello de administración do Pontevedra, tanto na xestión e axuda para constituír a asociación, como pola cesión do antigo local das Peñas no Estadio Municipal de Pasarón, cuxo uso lles fora retirado polo anterior presidente Mauricio Rodríguez, e que agora estará novamente a disposición do colectivo.
A asociación prepara xa o que será o seu primeiro acto como tal, coa organización dun desprazamento colectivo en autobús para animar o equipo no partido da quinta xornada de liga, que disputará o Pontevedra na Lomba fronte ao Arosa, desprazamento do que informarán os interesados con detalle nas próximas datas.