Derrota copeira dun Marín Futsal que plantou cara ás vixentes campioas (2-5)
Por Redacción
O Burela eliminou este xoves ao Marín Futsal da Copa da Raíña. As locais lograron meter o medo no corpo ás vixentes campioas durante boa parte do encontro, pero o alto ritmo imprimido polas laranxas unido á súa maior pegada fixeron imposible o milagre.
As locais adiantáronse no marcador no primeiro tempo grazas a un gol en propia porta de Cami. Foi entón cando o Burela apertou o acelerador e logrou voltear o marcador antes de que se cumprise a primeira media hora de partido. Foi no minuto 30, uns instantes despois de avisar cun lanzamento ao pau, cando Café restableceu o empate no marcador para as de Marín.
Durou pouco a alegría porque só un minuto despois o Burela recuperaba a vantaxe por medio de Cami, que conseguiría tamén o cuarto tanto minutos despois para sentenciar o partido. Xa nos últimos compases do partido Ale de Paz asinou o quinto para selar a clasificación das vixentes campioas, que este sábado mídense ao Poio Pescamar coa Supercopa de España en xogo.