A campioa galega de ciclocrós, Irene Trabazo, busca estender o seu dominio ao Campionato de España
Por Manu Otero
A localidade cántabra de Torrelavega toma o relevo de Pontevedra como organizadora do campionato de España de ciclocrós. Esta fin de semana buscarán a gloria sobre o barro preto de 900 corredores chegados de todos os recunchos de España, entre eles estará Irene Trabazo, vixente campioa galega, que ten como obxectivo o asalto ao ouro nacional na categoría elite feminina.
A corredora marinense que competirá este domingo (11.30 horas) defendendo as cores do seu club, o XSM Santomé de Piñeiro, proclamouse no pasado mes de decembro gañadora tanto do campionato galego como da Copa Galicia desta disciplina despois de gañar todas as carreiras disputadas. O seu extraordinario estado de forma tratará de prolongalo unha semana máis para confirmarse como unha das mellores especialistas do ciclocrós a nivel nacional.
Aínda que Trabazo acode á cita en solitario e sen representar á selección autonómica, a marinense estará acompañada dunha ampla representación de corredores galegos. Compartirán liña de saída con ela, a elite Estela Lago (Bike O Facho), a sub 23 Carla Fernández (Farto) e as juniors Laura Mira (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre) e Sonia Domínguez (XSM).
Outra nova promesa que se despraza a terras cántabras despois de saborear o éxito no circuíto galego é Héctor García, do Poio Bike. O cadete participará este venres na carreira (14 horas) que dará o pistoletazo de saída ao campionato co obxectivo de seguir gañando experiencia.
Relacionadas:
-
A Selección Galega de ciclocrós cólgase dez medallas no Campionato de España de Torrelavega
Por Redacción |
-
Irene Trabazo pecha a tempada exprés de ciclocrós en Galicia cun pleno de vitorias
Por Redacción |
-
Irene Trabazo pecha a Copa Galicia de Ciclocrós con pleno de triunfos
Por Redacción |
-
Irene Trabazo exhíbese sobre o barro compostelán na terceira parada da Copa Galicia de Ciclocrós
Por Redacción |
-
Irene Trabazo logra o ouro na segunda proba de Copa Galicia de Ciclocrós disputada en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A marinense Irene Trabazo faise co ouro na proba de Ciclocrós da Copa Galicia e Zoe del Río finaliza segundo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
"Pontevedra é a cidade do ciclocrós", afirma o presidente da Real Federación Española de Ciclismo
Por Redacción |