O Bádminton Ravachol refórzase coa fichaxe da asturiana Elena Fernández
Por Redacción
Ao límite do peche do mercado de fichaxes o Club Bádminton Ravachol fíxose cos servizos dunha nova xogadora co obxectivo de reforzar as súas posibilidades de permanencia na máxima categoría nacional.
O conxunto pontevedrés, tras a chegada do andaluz Javier Sánchez, confirmou agora a fichaxe de Elena Fernández, asturiana de 28 anos procedente do CB Oviedo.
Especialista en dobres, Fernández é internacional por España disputando torneos como os Xogos do Mediterráneo ou o Campionato de Europa no que conseguiu o bronce en 2018 xunto a Carolina Marín.
"A fichaxe de Elena foi un auténtico agasallo do Nadal. A situación do equipo, especialmente na parte feminina, é delicada, non tanto polo nivel senón porque estamos a ter problemas para poder contar con todo o plantel por un motivo ou outro, e veremos como quedan os desprazamentos dos nosos internacionais ingleses co Brexit, así que esta fichaxe dá un pouco de tranquilidade á hora de facer as convocatorias e moita forza nas aliñacións", analiza o director deportivo e adestrador do Ravachol, Jesús Pereiro.
Coa súa chegada o Bádminton Pontevedra eleva o nivel nun dos seus puntos débiles no que vai de tempada na División de Honra, xa que xunto a Javier Sánchez ofrecerá unha maior competitividade nas modalidades de dobres.
Tras o parón do Nadal o próximo compromiso de liga para os pontevedreses será o 16 de xaneiro coa visita do CB Rinconada, cita na que presumiblemente poderán debutar as dúas incorporacións invernais.
Relacionadas:
-
A falta de adestramento, un problema para o Bádminton Ravachol ante o regreso da liga de División de Honra
Por Redacción |
-
A División de Honra de bádminton para ata o mes de marzo pola pandemia
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol suma a súa primeira vitoria na máxima categoría fronte o Rinconada Sevilla (5-2)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Enerxías renovadas para a volta á competición do Bádminton Ravachol
Por Redacción |
-
O CB Ravachol faise co campión de España de dobres, Javier Sánchez
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol pecha a súa participación nos campionatos nacionais individuais
Por Redacción |
-
Unha medalla de bronce para Manuel Brea premia o esforzo do Ravachol nos campionatos de España de bádminton
Por Redacción |