O equipo feminino do CN Galaico mostra un bo nivel na primeira xornada do Campionato Galego Absoluto de Inverno
Por Redacción & Cristina Saiz
A piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontevedra estreou este domingo o calendario de eventos deportivos coa celebración do Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno.
Durante tres días e en sesións de mañá e de tarde, máis de 250 nadadores e nadadoras de 22 clubs autonómicos concentraranse para disputar o primeiro gran evento deportivo do ano.
Entre eles, o Club Natación Galaico, que con 13 deportistas en categoría masculina e outras 13 en feminina, buscarán seguir no máis alto da natación galega.
Durante a xornada matinal do domingo, o mellor resultado para o club pontevedrés logrouno Alicia Bouzas en 200m libre, parando o cronómetro nun tempo de 2:06.92 e conseguindo o cuarto posto.
Ás portas do podio volveu quedar a nadadora do Galaico que, xunto ás súas compañeiras Antía García, Laura Cano e Paula Fariña, finalizaron os 4x100 metros libres en 4:05.78, logrando outra cuarta posición.
En 100 metros estilos Laura Cano chegou nun tempo de 1:11.30 (8º posto) e en 50 metros braza foi novena (36.31). Na mesma carreira, Nayara Fernández chegou en 15 lugar (37.51) e Ana Pérez en 21 (39.07). Pola súa banda, en 100 metros costas, Gabriela Simón foi 14 (1:10.97) e Nayara Fernández foi 21 (1:12.62).
Na xornada de tarde chegaron as medallas para o CN Galaico. Ana Abal, en 50 metros libre, logrou a prata (29.08), quedando por detrás de Cristina García do CN Ponteareas (28.66); e en 100 metros bolboreta, Antía García levou o bronce nun tempo de 1:05.47.
En 400 metros libre Alicia Bouzas volveu quedar ás portas do podio ao chegar en cuarto lugar (4:24.49); e en 4x50 metros estilos, Gabriela Simón, Antía García, Laura Cano e Alicia Bouzas pararon o cronómetro nun tempo de 2:05.61 para lograr o quinto posto.
Por último, en 200 metros estilos, Laura Cano foi 12 (2:37.86); e en 50 metros costas, Gabriela Simón foi 14 (33.01).
A segunda xornada do Campionato Galego continúa o luns coa competición feminina pola mañá e a masculina pola tarde.
Consulta os resultados na seguinte ligazón
Relacionadas:
-
O Natación Galaico, satisfeito polo seu papel no Trofeo Internacional Villa de Gijón
Por Redacción |
-
O Club Natación Ponteareas, vencedor do Campionato Galego Absoluto de Inverno en Pontemuíños
Por Redacción |
-
O Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno estrea o calendario de eventos deportivos de 2021
Por Redacción |
-
Os equipos do Galaico perden a categoría na Copa de España de natación
Por Redacción |
-
A natación das Promesas do Lérez: cando o triunfo é simplemente poder competir
Por Redacción |