O Arxil comeza o ano visitando o líder invicto, o Baxi Ferrol
Por Redacción
Comezo de ano complicado para o Club Baloncesto Arxil, que se desprazará ao pavillón da Malata para enfrontarse ao líder invicto Baxi Ferrol este domingo 3 de xaneiro ás 18:00 horas. Trátase do encontro adiantado á xornada 14 que estaba previsto que se disputase o 6 de xaneiro.
As pupilas de Mayte Méndez chegan ao duelo despois de mostrar unha boa imaxe ante o Ardoi, partido no que foron todo o partido por diante do marcador pero a reacción final do rival condenounas nunha nova derrota.
En canto ao Ferrol, trátase do equipo co plantel máis potente da competición e invicto con 13 vitorias ás súas costas. Máximo anotador, mellor defensa, equipo con máis rebotes e mellores porcentaxes, é o conxunto que domina as clasificacións do grupo, gañando nove partidos por encima dos 30 puntos de diferenza.
Nas súas filas, catro xogadoras de catro continentes onde destacan Irene Garí, Andrea Boquete ou Julieta Mungo, ademais dunha cantidade de reforzos onde ningunha das súas xogadoras pasa dos 22 minutos disputados nin é inferior aos 15.
Para esta ocasión, a técnica arxilista apelará a unha boa defensa, onde tratarán de ser "agresivas e sólidas para tentar chegar ao último cuarto con opcións", e entende que "coa intensidade que lle poñen e a batería de xogadoras que teñen, vai facer sufrir se non facemos as cousas como debemos".
A pontevedresa tendra a todo o seu plantel, recuperando a Aldara Vázquez, que recentemente participou no 'all star' da Primeira División Feminina; Violeta Crespo e Noa Casalderrey.
O encontro poderá contar coa presenza de 250 afeccionados e será retransmitido polo Canal FEB.
Relacionadas:
-
Os erros puntuais no último cuarto condenan o Arxil ante o Ferrol (81-60)
Por Almu Dapena |
-
Unha arxilista, no 'all star' da Primeira Nacional de baloncesto
Por Redacción |
-
Inxusta derrota do Arxil que ofreceu a súa mellor imaxe ata o momento ante o Ardoi de Navarra (75-72)
Por Almu Dapena |
-
Vitoria de ouro para un Arxil que foi superior ao Avilés tras o terceiro acto (69-55)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |