O triatleta Antonio Serrat, repudiado por Estados Unidos, intégrase no grupo de elite do CGTD
Por Manu Otero
O cuarto mellor triatleta de España e top 21 do mundo xa se adestra co grupo de elite, que encabeza o pentacampeón do mundo Javier Gómez Noya, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Este vigués de 25 anos, que busca casa en Pontevedra, regresa a Galicia despois dunha breve experiencia en Estados Unidos, truncada pola pandemia, que non terá continuidade no 2021 porque "non son de interese nacional para eles", repite Serrat o argumento esgrimido pola embaixada para denegar o seu visado.
Finalizada a súa experiencia en América, na que durante os meses de xaneiro e febreiro formou parte dun talentoso grupo de adestramento cos aspirantes estadounidenses aos Xogos Olímpicos, Serrat volverá traballar ás ordes de Carlos David Prieto e Jonathan Cancela. "Era unha boa oportunidade e facíame ilusión, o que pasa que se complicou pola pandemia. En xaneiro e febreiro foi ben, logo comezaron a cancelar carreiras e tívenme que vir. A idea era darlle este ano unha nova oportunidade ao proxecto", explica ao triatleta, que non se esperaba que lle denegasen o permiso.
"Coa pandemia endureceron as leis e unha das posibilidades é que che consideren un ben para o país, pero como vou competir para outro país dixéronme que non son de interese nacional", detalla Serrat contrariado por non ter en conta a súa contribución, xunto á do resto de compañeiros, á mellora do nivel competitivo do tríatlon en Estados Unidos.
Centrado xa na súa nova etapa en Pontevedra, de onde se foi ao finalizar o 2019, este prometedor triatleta ten na Copa do Mundo de México o seu reto máis inmediato. Sen perder de vista as series mundiais e as novas competicións que se vaian sumando a un calendario aínda incompleto pola pandemia, Serrat é consciente do difícil que será facerse coa única vacante das tres prazas que dispón España para a cita de Tokio.
"Os Xogos Olímpicos é o soño de calquera deportista, pero, sendo realistas, é complicado. Dúas prazas xa teñen nome e logo está Javi Gómez Noya que é o mellor do mundo. O meu obxectivo é conseguir bos resultados e estar satisfeito coas miñas carreiras", confesa con humildade.
Para alcanzar as súas metas será fundamental a concentración en Lanzarote que compartirá durante o mes de xaneiro co equipo do CGTD. "Xa estiven alí fai 4 ou 5 anos e parece un lugar feito para os adestramentos de tríatlon. En casa estase moi ben, pero en xaneiro e febreiro é época de choivas, Lanzarote permítenos facer moitas sesións a boa temperatura", xustifica o deportista a conveniencia da viaxe a Canarias.
Á volta poñerase ao choio con outra difícil tarefa: atopar casa en Pontevedra. "Vivindo en Vigo podería ir e vir porque non está lonxe, pero é fundamental vivir onde se adestra para poder descansar ou ir rápido a comer", confesa o que será o triatleta chamado a recoller o testido de pontevedrés adoptivo do que sempre fixo gala o pentacampeón Gómez Noya.
Relacionadas:
-
Antonio Serrat perde o liderado das series mundiais cun undécimo posto en Yokohama
Por Almu Dapena |
-
O triatleta Antonio Serrat inicia este domingo en Yokohama a defensa do liderado das series mundiais
Por Manu Otero |
-
Pablo Dapena deixa atrás a súa lesión e afronta a nova tempada "motivado y con ganas de competir"
Por Almu Dapena |
-
O grupo de elite do tríatlon do CGTD concéntrase en Lanzarote
Por Manu Otero |
-
As series mundiais de triatlón do 2020 decidiranse a unha soa carta: o 5 de setembro en Hamburgo
Por Manu Otero |
-
Fernando Alarza cólgase o ouro no Campionato de España Sprint de Tríatlon
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |