Duro correctivo do Arenteiro a un Ribadumia con resaca copeira (0-3)
Por Ramiro Espiño
Freou en seco o Arenteiro a progresión dun Ribadumia que quizais pagou o desgaste da resaca copeira. Nun campo pesado pola choiva e o castigo do pasado xoves, os do Carballiño foron mellores e lograron unha merecida vitoria, aberta cun golazo para enmarcar de Javi Pazos, que afianza ao conxunto verde nos postos de privilexio, abrindo xa un importante oco coa cuarta praza.
Chegaba o conxunto ourensán á Senra cunha impecable tarxeta de presentación, como único equipo invicto do grupo, e a verdade é que fixo honra á esa etiqueta que lle presenta como serio candidato ao ascenso. Aínda que o Ribadumia tivo unha boa ocasión, no minuto 28, cun centro-chute de Carlos que se estrelou na cruceta da portería defendida por Diego García, foron os visitantes quen máis e mellores aproximacións protagonizaron.
Aínda que se chegou ao descanso co empate inicial, as sensacións eran de que os visitantes foran superiores e nada máis comezar o segundo tempo (minuto 47) lograron plasmar esa superioridade no marcador, cun golazo asinado por Javi Pazos. O dianteiro recolleu un balón no círculo central, foise directo cara á área aurinegra e desde a frontal soltou un fenomenal remate que se coou pola escuadra, sen que Roberto Pazos puidese facer nada.
Non houbo reacción do Ribadumia ao golpe encaixado e o Arenteiro seguiu firme, sentenciando co segundo gol, conseguido por Sylla (minuto 61) ao rematar de cabeza unha falta lateral.
O paso dos minutos poñía chumbo nas pernas dos locais, que a pesar de non tirar a toalla eran castigados a pouco do final (minuto 87) co terceiro tanto visitante, tras un disparo afastado de Germán que se foi ao poste, pero Jonatan estivo máis rápido que a zaga local para remachar á rede.
Paso atrás do equipo de Luís Carro e golpe de autoridade dun Arenteiro que alcanza ao Arosa no máis alto da táboa.
Relacionadas:
-
Terceira derrota consecutiva para o Ribadumia, que caeu a domicilio ante un superior Choco (3-1)
Por Redacción |
-
O Ribadumia estrea o ano con derrota fronte o Ourense CF (2-4)
Por Redacción |
-
Tres positivos por covid-19 no Arenteiro obrigan a suspender o partido contra o Arosa
Por Redacción |
-
O Cádiz esperta do soño copeiro a un digno Ribadumia (0-2)
Por Diego Espiño |
-
Empate sen goles no derbi entre Arosa e Ribadumia
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Ribadumia gaña en Bouzas para subir á cuarta praza e o Arosa supera o Estradense
Por Redacción |