O Teucro vaise con mal sabor de boca ás vacacións de Nadal ao perder con claridade contra o Adrianenc (30-25)
Por Almu Dapena
A Sociedade Deportiva Teucro desprazouse esta fin de semana a Barcelona para enfrontarse ao Sant Martí Adrianenc, noveno clasificado con 6 puntos. A falta de acerto e as imprecisións en ataque foron a clave para que o equipo pontevedrés sumase unha nova derrota á súa lista e se vaia ás vacacións de Nadal cun mal sabor de boca.
Custoulle ao Teucro entrar no partido, que non foi capaz de abrir a lata ata case alcanzado o minuto 4 tendo que remontar o parcial 2-0 que metera o Adrianenc. Igualaron para os de azul Manu Iglesias e Diego Martínez, pero dúas exclusións nas súas filas (Remeseiro e Caue Herrera) deixábaos tocados e de novo o equipo catalán recuperaba a vantaxe do principio (4-2).
Reaccionaron os de Pontevedra cun parcial de 0-3 para poñerse por diante no marcador por primeira vez no duelo (4-5), dando paso aos instantes de maior igualdade onde cada ataque dun equipo era respondido da mesma maneira polo rival (8-8).
Quedaban 10 minutos da primeira metade e o Teucro rompía coa falta de acerto para a rede e endosaba outro parcial de 0-3 que os poñía coa maior vantaxe ata o momento (8-11). O técnico local pedía tempo morto para reverter a dinámica dos seus e vaia se o fixo. O Adrianenc fortaleceu o seu defensa para provocar os erros en ataque dos de Irene Vilaboa e devolveu o golpe para poñerse por diante a falta dun minuto para o descanso (13-12). O último ataque do primeiro acto foi para os de Pontevedra que anotaron por mediación de Samu Pereiro, que colocou o 13-13 co que se alcanzou o intermedio.
Tras o paso polos vestiarios o Teucro foi a remolque en todo momento. Aínda que durante os primeiros compases mantivo o pulso a un Adrianenc para o que a súa máxima vantaxe foron dous goles, a exclusión de Samu Pereiro cando o marcador era de 21-19 foi clave no devir do encontro.
Alcanzábase o ecuador do segundo acto e os locais aproveitaban a superioridade numérica para anotar unha diferenza de tres goles que mantiveron ata alcanzar os últimos 5 minutos (26-22). O Teucro aínda tiña tempo de reverter o resultado se xogaba ben as súas cartas, pero a fortaleza defensiva do rival e a precipitación nos lanzamentos provocou que o Adrianenc enterrase as opcións de sacar algo positivo da visita.
Quedaban tres minutos e as esperanzas se esfumaron. Os cataláns pasaron como unha apisoadora sobre o equipo pontevedrés para establecer o 30-25 co que finalmente concluíu o encontro.
Dura derrota da Sociedade Deportiva Teucro que perde dous valiosos puntos antes do parón do Nadal. A súa próxima cita será en casa ante o Bordils o 23 de xaneiro.
Consulta as estatísticas do Sant Martí Adrianenc-Sociedade Deportiva Teucro
Relacionadas:
-
Ángel Iglesias desvincúlase do Teucro e apunta a reforzo do Cisne
Por Diego Espiño |
-
Detectado un caso de Covid no plantel do Teucro
Por Diego Espiño |
-
Adestramentos sen contacto na volta ao traballo do Teucro
Por Redacción |
-
Valiosa vitoria do Teucro ante un Sarrià moi inferior (34-28)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Dura derrota en Burgos para un Teucro negado en defensa (36-27)
Por Redacción |
-
Segunda vitoria consecutiva para un Teucro que tivo que sufrir ante o Ibiza (28-26)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |