A igualdade da categoría e os resultados dos rivais dan un respiro ao Pontevedra
Por Diego Espiño
Tres xornadas sen vencer, con empates fronte a Compostela e Deportivo xunto á derrota no campo do Coruxo, frearon a progresión dun Pontevedra Club de Fútbol que antes de visitar San Lázaro presumía de liderado no Subgrupo 1-A de a Segunda División B.
A pesar de encadear eses resultados, considerados como positivos ata encaixar o pasado domingo a súa primeira derrota do curso sobre todo pola maneira en que se produciu, os granates mantéñense nos primeiros postos.
Isto débese a varios factores, o principal a tremenda igualdade e competitividade que se está vivir o Subgrupo, onde calquera equipo é capaz de vencer en calquera praza.
Así, os rivais non conseguiron aproveitar os tropezos non só do Pontevedra, senón tamén do Deportivo, para sacalos dos postos que dan acceso a pelexar polo ascenso, sumando Racing de Ferrol, Zamora e Compostela só catro, catro e cinco puntos respectivamente en tres xornadas, a última con empates entre Guijuelo e Racing (1-1) e entre Compostela e Zamora (0-0), ademais da derrota do Deportivo en Riazor fronte ao Celta B.
O único que se aproveitou destes resultados foi Unionistas de Salamanca, que tras encadear catro triunfos consecutivos en liga ascendeu ao liderado con 17 puntos, polos 15 do Depor e os 13 do Pontevedra. Por detrás Ferrol e Zamora aparecen con 12 puntos e Compostela e Celta B con 11, é dicir, que desde o terceiro posto dos granates ata o sétimo só hai 2 puntos de diferenza.
Un respiro por tantopara os de Jesús Ramos, que comerán o turrón en postos de honra aínda que sabendo que non poderán baixar o ritmo nin un instante se queren defender a súa posición. No horizonte ademais aparece unha boa oportunidade co final da primeira volta e o inicio da segunda, xa que o Pontevedra comezará o ano disputando dous encontros consecutivos en Pasarón fronte a Guijuelo e Racing de Ferrol. Dous triunfos farían espantar calquera pantasma e outorgarían tranquilidade para traballar nunha competición que se está demostrando a cara de can.
Pero antes diso, chega a quenda da Copa do Rei, unha competición que ilusiona no seu novo formato e que non supoñería polo momento ningún desprazamento en caso de vencer o Cartagena o xoves (20.00 horas) en Pasarón, xa que a seguinte rolda no caso de pasar sería de novo como local ante un equipo de superior categoría.
Relacionadas:
-
O Pontevedra marcha de vacacións e comerá o turrón en postos de play-off
Por Almu Dapena |
-
Charles e dez máis para ilusionarse coa Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Rufo relativiza a derrota ante o Coruxo: "Es mejor tener un día malo que muchos"
Por Diego Espiño |
-
Unha lesión no abdutor deixa sen Copa do Rei a Adrián Cruz
Por Diego Espiño |
-
Jesús Ramos sobre a derrota do Pontevedra ante o Coruxo por 3-0: "los errores puntuales nos han matado"
Por Almu Dapena |
-
A "lei do ex" castiga con dureza a un Pontevedra irrecoñecible en Coruxo (3-0)
Por Ramiro Espiño |
-
Charles, sancionado con dous partidos pola súa expulsión ante o Dépor
Por Diego Espiño |
-
Romay pasará polo quirófano a próxima semana
Por Diego Espiño |