O Dépor quere dar "un pequeno golpe encima da mesa" gañando en Pasarón
Por Manu Otero
O Deportivo avanza con paso firme na súa decidida aposta por regresar canto antes á Segunda División e no vestiario branquiazul, así o comentaron os xogadores ao longo da semana, son conscientes de que o partido deste sábado en Pasarón fronte ao Pontevedra pode supoñer un punto de inflexión na traxectoria de ambos os equipos.
"É un partido especial, contra o segundo clasificado porque se gañamos despegámonos un pouco. Ademais é un campo difícil contra un rival directo. Se gañamos é un pequeno golpe encima da mesa", declarou este xoves o extremo Borja Galán. Menos transcendente veo o seu compañeiro Granero, quen considera que "non vai ser o partido que vai decantar a liga, pero si que é verdade que é un equipo moi forte e temos que seguir igual de competitivos", sinala o central facendo fincapé nas dificultades que están a poñer ao cadro coruñés todos os rivais da liga.
A dupla ofensiva que forman Rufo e Charles acapara todas as miradas, pero en Riazor son conscientes de que o Pontevedra é moito máis que os seus dous dianteiros. "Son dous puntas que se complementan moi ben. Rufo achega traballo, brega e ese non parar nunca. A Charles coñecémolo todos moi ben de velo en primeira División. Son unha parella moi boa, pero acompáñalles todo o equipo. Teñen moi claro ao que xogan e teremos que estar atentos non só a eles dous, a todo o equipo", advirte o atacante madrileño.
Un granate do que non se terán que preocupar é Romay, ao que Galán coñece moi ben e quixo aproveitar a súa comparecencia ante os medios para mandarlle ánimos na súa recuperación. "Falei con el e estaba preocupado porque se fixo dano no xeonllo, está pendente de probas e quero desexarlle que sexa o menos posible. É unha baixa importantísima pola calidade que ten e o que achega na creacion e xogo ofensivo. pero terá compañeiros para substituílo", declarou Galán.
Sobre o verde de Pasarón estará o equipo máis goleador e o menos goleado do grupo. "Somos dous equipos que o facemos ben cada un á súa maneira", dixo Galán respecto diso, antes de presumir dos bos números dos seus. "Nós estamos a encaixar pouco e iso ponnos moi contento porque os grandes líderes encaixan pouco. Esa é a nosa liña para seguir pero tamén sabemos que canto máis metamos máis preto de gañar estaremos", admite.
Relacionadas:
-
Ramos convoca a todo o plantel a excepción do lesionado Romay para a visita do Deportivo
Por Diego Espiño |
-
A Xunta autoriza a ampliación de aforo do Pontevedra-Deportivo a 500 espectadores
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Preocupante lesión de xeonllo de Romay no adestramento do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Deportivo prepara a súa visita a Pasarón con tres futbolistas á marxe do grupo
Por Redacción |
-
Churre avisa ao Deportivo: "Imos competir con eles ata o final de tempada"
Por Diego Espiño |