Armas secretas granates para burlar a defensa compostelá
Por Manu Otero
O Pontevedra visita este sábado, a partir das 17 horas, unha praza inexpugnable. Os granates enfróntanse ao Compostela, que en cinco xornadas non recibiu nin un só tanto como local. Ademais, os de Yago Iglesias son conscientes do perigo dos ataques rápidos e por banda do Pontevedra e traballaron durante toda a semana para previrse e manter a súa condición de imbatidos unha xornada máis.
"Pode ser unha das claves do partido", admite o adestrador do Pontevedra, Jesús Ramos, cuestionado sobre a superioridade dos granates nas chegadas polas bandas e nas transicións rápidas. Con todo, o técnico granate é consciente de que os rivais deste sábado esperan esa versión do conxunto de Pasarón polo que durante toda a semana prepararon outras variantes tácticas para sorprender aos santiagueses. "Temos outras armas para contrarrestar tanto o seu xogo defensivo como ofensivo, que non vou comentar aquí para non dar pistas", confesa o preparador sobre a particular batalla de pizarras que comeza moito antes de que o árbitro indique o inicio do partido.
Así como Iglesias confía en poder controlar aos granates, Ramos ten tamén perfectamente estudado ao Compostela. Sen deixar de prestar atención ao seu xogo con balón, o técnico marinense destaca a capacidade defensiva do Compos. "É un equipo moi ben traballado, no seu campo aínda non perderon, nin encaixaron", sinala Ramos facendo fincapé nun impenetrable esquema 4-2-3-1 en contención.
No plano ofensivo, "destacan polo seu xogo combinativo, gústalles ser protagonistas con balón, con posesións moi longas. Pero tamén saen con perigo ao contragolpe despues dunha recuperación", advirte o adestrador do Pontevedra.
Unha semana despois da épica vitoria sobre o Salamanca, o optimismo reina en Pasarón. "Os xogadores seguen adestrando moi ben e con ganas de seguir nesa posición", sinala Ramos, quen levará aos 25 xogadores que compoñen o primeiro plantel ao estadio Verónica Boquete de Santiago.
A principal dúbida está en saber se Adrián Cruz, que leva toda a semana adestrando coa máscara protectora despois da súa fractura de nariz, estará en perfectas condicións para dispoñer de minutos neste partido. "Están todos ben", declara Jesús sobre o resto de xogadores do plantel.
Pola súa banda, o adestrador do Compostela, Yago Iglesias, fixo fincapé en que mañá se enfrontan ao mellor rival da categoría e "ao xusto líder". Destaca o técnico o perigo dos granates na faceta ofensiva, máis aló dos dianteiros Rufo e Charles. Ademais quixo tamén poñer en valor o traballo de Jesús Ramos para cohesionar un grupo con moitas caras novas.
Con todo, no banco do Vero Boquete están convencidos das posibilidades de asestar a primeira derrota da tempada ao Pontevedra. Non renunciará o Compostela ao seu estilo de xogo de toque e posesión, o que sumado a que xogan en casa, con público por primeira vez e que son un equipo que leva máis meses traballando en base a unha idea de xogo, que non variou desde a tempada pasada, pode decantar a balanza ao lado santiagués, segundo Iglesias.