A Copa de España de vela para cruceiros de 6 metros decídese en Sanxenxo
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo volve converterse esta fin de semana en epicentro da vela nacional. De venres a domingo, celébrase o Trofeo Xacobeo, última proba do circuíto da Copa de España para cruceiros de seis metros e que servirá tamén para coroar aos gañadores do campionato de España da devandita clase.
O campionato reunirá a unha frota internacional de barcos da clase 6 Metros que competirán divididos en dúas categorías: Open e Clásicos.
“Algúns dos mellores barcos e regatistas internacionais estarán a competir na nosa ría ao longo da fin de semana e sabemos que a proba espertou gran interese na frota mundial de 6 Metros. Cumpriremos escrupulosamente con toda a normativa sanitaria e tentaremos dar a mellor imaxe de Galicia no mundo a pesar das dificultades que estamos a vivir”, declarou o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos.
Entre os rexistrados neste Trofeo Xacobeo figuran o vixente campión europeo e mundial da clase 6 Metros, o Bribón 500, co patrón galego Pedro Campos aos mandos e que conta entre a súa tripulación coa primeiro medalla de ouro olímpica da historia da vela española, Jane Abascal. Tamén navegarán en Sanxenxo esta fin de semana outros nomes coñecidos da vela como Laureano Wizner e Enrique Cameselle, a bordo do Caprice patroneado por Iñigo Echenique; Javi Porto, campión mundial de Vaurien, á cana do Berta; ou o regatista e adestrador de clases olímpicas Diego Fructuoso, quen participou na volta ao mundo Volvo Ocean Race 2011-12 como reporteiro a bordo do Team Telefónica.
A regata comezou de forma oficial este venres ás 9 horas coa apertura da oficina de regatas, mentres que a celebración das primeiras probas iniciarase a partir das 14:00 horas, cun máximo de dúas probas previstas para esta primeira xornada. O sábado a cita na auga será ás 13:00 horas mentres que o domingo a saída da primeira regata do día adiántase ás 12:30 horas, sendo a hora límite para dar saída á última proba as 15:30 horas.