O dianteiro do Arosa, Quique Cubas, sofre fractura de peroné e será baixa durante tres meses
Por Ramiro Espiño
Tres meses de baixa por unha desafortunada e inoportuna lesión. O desgraciado contratempo sufrido por Quique Cubas no adestramento efectuado na tarde do xoves polo Arosa na Lomba confirmou os peores prognósticos. Nunha acción absolutamente fortuíta, ao realizar un mal apoio, Quique Cubas sufriu unha fractura limpa do peroné da súa perna dereita.
O dianteiro arlequinado foi trasladado inmediatamente ao Hospital do Salnés, onde se lle diagnosticou unha fractura limpa do maleolo externo, que lle impedirá xogar durante uns tres meses. Tras ser escaiolado foi trasladado ao Hospital Miguel Domínguez, en Pontevedra, onde permaneceu en observación ata o mediodía do venres co fin de decidir a conveniencia de que sexa intervido para reducir a fractura, ou simplemente manter a inmobilización, opción máis probable.
A lesión de Quique Cubas complica o técnico arosista, Piscis, tanto o futuro a medio prazo como o máis inmediato, coa visita do Deportivo B, nun partido no que tampouco poderá contar con Munín, por sanción. Este feito podería acelerar a reaparición do máximo goleador da pasada tempada, Hugo, que xa está practicamente recuperado da súa lesión e adestra co grupo dende hai unha semana. De feito Piscis ten decidido que Hugo entre na convocatoria para o partido fronte ao filial deportivista.