Épico monólogo do Pontevedra, que volve ser líder (2-0)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Épico triunfo dun Pontevedra líder e invicto. Os granates foron os señores dun partido no que o Salamanca só compareceu para dar patadas, e non ao balón. Aínda así, os de Jesús Ramos tiveron que sufrir e perseverar ata os últimos minutos dun partido para conseguir o merecidos tres puntos.
Barbero foi a figura do Salamanca e unha dor de moas para os locais. Os granates tiveron ocasións de todo tipo, pero todas acababan estrelándose nas luvas do cérbero rival. Desacertados no pase definitivo e con présas nalgúns momentos, os de Ramos asinaron o seu partido máis completo da tempada e exhibiron un repertorio de xogadas máis variado que en xornadas anteriores.
Os dianteiros Rufo e Charles estiveron máis participativos que nunca, sen prescindir dos centros laterais e das subidas dos laterais, os granates luciron tamén a súa calidade no xogo combinativo. Do mesmo xeito, Jesús Ramos incluíu novidades no seu sistema de xogo. Prescindiu da velocidade e electricidade de Oier Calvillo, pola calidade e xogo interior de Jorge Fernández; Borja Martínez completou o seu primeiro partido completo como xogador do Pontevedra e, ao quedar en superioridade numérica, Ramos abandonou por primeira vez o 4-4-2 para lanzarse pola vitoria cunha liña defensiva de só tres centrais na que Imanol incrustouse á perfección entre Churre e Xisco.
Só botouse en falta, como ocorrerá ao longo de toda a tempada pola pandemia, a masiva presenza de afeccionados nas bancadas de Pasarón. O desenlace deste partido é o que gusta á inchada granate, que tivo que conformarse con celebrar unha vitoria crave desde casa sen poder abrazar detrás da portería de fondo norte aos dous ídolos de Pasarón, cuxos goles xa suman puntos para o Pontevedra.
O mando do partido foi granate desde o asubío inicial pero as chegadas con perigo á meta de Barbero tardaron en producirse. No primeiro cuarto de hora só unha boa triangulación en liña de tres cuartos entre Jorge, Rufo Charles e Imanol acabou cun pase filtrado a Álex González que o capitán non acertou ao controlar.
Nas súas botas tivo tamén a opción de adiantar aos granates pasado o minuto 20. Recibiu dentro da área un pase de Charles, pero o seu disparo non inquietou ao gardameta do Salamanca.
Superados en todas as facetas do xogo, os rivais intensificaron a súa defensa empregándose, por momentos, cunha agresividade excesiva. Mentres tanto o Pontevedra seguía ao seu. Asociándose máis por dentro que polas bandas, pero sen esquecerse do seu principal recurso ofensivo: os centros.
Así chegou a primeira dunha serie de claras ocasións. Rufo conectou un remate de cabeza no punto de penalti a centro de Eneko, que saíu desviado por centímetros. Logo foi Aitor o que a puxo desde a dereita para o remate de Xisco, que se lanzou ao ataque, pero o seu cabezazo saíu alto.
Seguía buscando o gol o Pontevedra por medio dun omnipresente Rufo. O nove controlou na área un bo pase de Álex González, regateou ao seu par pero o porteiro botóuselle encima impedíndolle celebrar o seu primeiro tanto da tempada. O seu socio en ataque, Charles, tamén se sumou ao festival de chegadas á área cun control espectacular para encarar a Barbero, pero o asistente anulara a xogada por un inexistente fose de xogo. Xa co xogo parado, o atacante brasileiro recibiu unha fea e dura entrada de Lacerda, que o árbitro só sancionou con tarxeta amarela.
Era un monólogo o partido, pero os granates non atopaban o camiño cara ao gol. Xa nos primeiros compases do segundo tempo puido inaugurar o marcador o Pontevedra cun disparo afastado de Álex González á saída dunha falta que saíu desviado.
Se o Salamanca non daba sinais de vida, esta tendencia acentuouse aínda máis cando os visitantes quedaron cun xogador menos. Interceptou Charles un balón no centro do campo e saíu como unha bala, só, cara á meta rival. Delorenzi perseguiuno e antes de que o brasiñeño ingresase na área derrubouno. Falta e tarxeta vermella indiscutible.
O golpe franco estrelouno Borja Martínez na barreira. E para sortear a rochosa defensa salmantina Jesús axitou o banco. Deu entrada a Romay e Oier polos laterais Aitor e Eneko. Con todas as súas pezas ofensivas no campo, o Pontevedra estrelouse unha e outra vez contra un estelar Barbero.
O porteiro do Salamanca desviou a córner un potentísimo disparo de Álex González desde a frontal da área. Nese mesmo córner, o balón acabou nos pés de Rufo, que recortou o seu marcador, pero o seu disparo atopouse de novo coas mans de Barbero. Menos acertado estivo Oier, que cazou outro balón solto na área tres un centro de Jorge, pero o seu remate acabou na bancada.
A desesperación empezaba a render entre a parroquia granate porque Barbero seguía impedindo o tanto granate. Na área pequena salvou un remate de Charles despois dun medido centro de Churre á cabeza de Rufo que o ariete deixou en bandexa ao brasileiro. Non quedou aí a xogada, no córner posterior, o remate de cabeza de Xisco foise alto por centímetros. O canteirán e debutante Iñaki sumouse tamén ao rosario de oportunidades desperdiciadas polos granates ao estrelar contra o porteiro a asistencia de Romay.
Pero todo cambiou no último minuto do tempo regulamentario. Rufo tirou un desmarque, recibiu na área e encarou a Barbero que se pasou de freada e levou por diante ao delanterio granate. Penalti e, despois de decenas de ocasións perdidas, gol de Charles.
Estaba a ser inxusto o fútbol con este Pontevedra, pero recompensouno no tempo de desconto. Xa co marcador en contra, o Salamanca buscou o empate á desesperada, os granates cazaron unha contra que conduciu como sempre Charles. O brasileiro viu o desmarque de Rufo e púxolle un balón medido para que o ariete madrileño enviase o balón á rede por primeira vez esta tempada, despexase ao fin a ansiedade por marcar e disparase de novo o optimismo dun Pontevedra líder e que convida a soñar co ascenso.
PONTEVEDRA CF (2): Mario Fernández, Aitor (Romay, min. 65), Churre, Xisco Campos, Eneko Zabaleta (Oier Calvillo, min.65), Imanol, Borja Martínez, Jorge Fernández (Iñaki, min.85), Álex González, Charles (Martín Diz, min.90), Rufo.
SALAMANCA CF (0): Dani Barbero; Candelas, Lacerda (Jorge Mora, min. 45), Kristian Álvarez, Leo Sepúlveda, Luis Martínez; Sergio Molina, Fer Llorente, Fran Delorenzi; Luis Madrigal (Fernando Monárrez, min. 67), Puma Chávez (Uxío, min. 61).
Árbitro: Gao Aladro, auxiliado nas bandas por Martín Redondo e Menéndez Riestra (Asturias). Amonestou a Charles por parte do Pontevedra; e a Dani Barbero, Jonathan Lacerda, Sergio Molina, Fran Delorenzi e Leo Sepúlveda, por parte do Salamanca. Ademais expulsou a Fran Delorenzi no minuto 57.
Goles: 1-0, Charles, de penalti, min. 88. 2-0, Rufo, min. 90
Incidencias: Partido da quinta xornada de liga en Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón con asistencia limitada a 150 espectadores por motivo das restriccións sanitarias.
Relacionadas:
-
Combate nulo en Pasarón entre un Pontevedra valente e un Deportivo rochoso (1-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Un Pontevedra de dúas caras salva un punto en San Lázaro (2-2)
Por Manu Otero |
-
Os dous próximos partidos do Pontevedra, contra Compostela e Dépor, xogaranse en sábado
Por Manu Otero |
-
Pontevedra e Racing de Ferrol son os máximos artilleiros do grupo I de Segunda B
Por Manu Otero |
-
Rufo sacia a súa sede de gol confiado en que a partir de agora "cheguen máis seguidos"
Por Manu Otero |
-
O Salamanca CF despide ao seu adestrador despois da derrota en Pasarón
Por Redacción |
-
Dous goles anulados evitan o triunfo en Zamora dun Pontevedra que xogou unha hora en superioridade (0-0)
Por Diego Espiño |
-
O líder Pontevedra salva a vitoria despois de dominar a un combativo Celta B (2-1)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |