Unha lesión pon en dúbida a volta de Nacho López a Pasarón
Por Manu Otero
Os camiños de Nacho López e o Pontevedra volverán cruzarse. O lateral asturiano, despois de desvincularse do conxunto granate este verán, milita agora no Salamanca CF UDS, equipo que visitará Pasarón o vindeiro domingo. Tres tempadas defendendo a elástica granate deixaron unha pegada difícil de borrar no corazón tanto da afección como do defensor. Ambos tiñan marcada esta data no seu calendario para un emotivo reencontro que unha lesión no talón de Nacho pode truncar.
"Peguei unha freada brusca contra o chan e fíxenme dano no talón. É incómoda e dolorosa. Levamos dúas semanas tratando mañá e tarde. Pensei que ía poder estar contra o Ferrol e a ver se contra Pontevedra podo estar", explicou o lateral en declaracións ao medio Salamanca24horas.
A de Pasarón é unha cita que non lle gustaría perderse polo seu pasado granate. "Sempre que te enfrontas a un club no que estiveches é especial. Tiven a sorte de estar case tres anos moi a gusto polo que involucra Pontevedra. Son moi futboleiros, como Salamanca", confesou a este medio local.
Con ou sen a súa presenza no once, o defensor xa ten advertidos aos seus compañeiros da fortaleza do equipo pontevedrés. "Van a por faena desde o inicio desta tempada. Fixeron fichaxes de renome con Charles ou Xisco máis o bloque duro das tempadas pasadas. Tamén teñen complementos de moito nivel. Teñen un persoal que está á vez do Deportivo. Das máis difíciles do subgrupo", sostén López.
Os salmantinos chegarán a Pontevedra con certas urxencias clasificatorias. "Non foi un bo arranque. É normal que esteamos a xerar moitas dúbidas. Non estamos en bo momento, non vou enganar. Estamos a deixar unha sensación que non é a que debería de ser pola categoría de xogadores que temos", admite, non sen puntualizar que "equipo hai".
Por se a situación deportiva non fose suficiente grave, a económica o é aínda máis, posto que o plantel acumula xa retrasos nos seus cobros. "Cando firmas, sabes que igual poden xurdir este tipo de problemas, pero sabemos que temos o total respaldo do club e que van cumprir coa súa palabra. Non estamos pendentes dun pequeno atraso, nin inflúe no día a día", remata o asturiano.
Relacionadas:
-
Jesús Ramos: "Nunca dixen que o 4-4-2 fose ser sempre, sempre, sempre"
Por Manu Otero |
-
Os rivais do Pontevedra, a análise: O Salamanca CF UDS, entre a ambición e a inestabilidade
Por Redacción |
-
Charles volverá lucir o 18 na súa volta a Pasarón e Romay herda o 10 que deixou Bustos
Por Manu Otero |
-
Edu Sousa non seguirá no Pontevedra: "Hai un oco moi grande no meu corazón que xa só será granate"
Por Diego Espiño |