Luis Casais, do Pontevedra Club de Fútbol ao Spartak de Moscova
Por Redacción
Hai pouco máis de 6 meses que Eduardo Domínguez lle ofreceu a Luis Casais a posibilidade de traballar para o Departamento de Sport Sciences do FC Spartak de Moscova, equipo que milita na máxima categoría do fútbol ruso, para ocuparse do adestramento e preparación física do filial do club.
Só uns meses despois Casais, ex preparador físico do Pontevedra Club de Fútbol en Segunda División e Segunda B e posteriormente técnico do filial granate, é xa o máximo responsable do apartado físico do primeiro equipo compartindo banco co seu actual adestrador, o ex futbolista do Celta de Vigo Valery Karpin.
Luis Casais ocúpase en Moscova da nutrición deportiva dos futbolistas, a prevención de lesións ou a análise do rendemento físico nun club habituado a disputar competicións europeas e no que aplica os coñecementos adquiridos durante anos en Galicia no futbol modesto: "achega toda unha bagaxe de novos coñecementos que doadamente podes aplicar á hora de traballar con futbolistas de alto rendemento".
O preparador, natural de Ribeira, segue colaborando a pesar da distancia co grupo de investigación HI20 da Universidade de Vigo, onde están incluídos outros profesionais que traballan dende o campus de Pontevedra.