Un hat-trick de Dani Sousa dá a vitoria ao Poio Pescamar na súa visita ao Amarelle (0-3)
Por Almu Dapena
O Poio Pescamar desprazouse este sábado a Coruña para disputar o derbi galego correspondente á cuarta xornada de Primeira Nacional de fútbol sala. O Pavillón da Sagrada Familia abriu as súas portas para acoller o duelo entre as vermellas, localizadas na terceira posición da táboa e o Amarelle, que se atopa na parte baixa da táboa ao non puntuar no que leva xogado de competición.
A pesar de enfrontarse a un equipo recentemente ascendido, o Poio tivo que sufrir para levar os tres puntos. O traballo defensivo por parte do Amarelle foi practicamente impecable durante a primeira metade, con rápidos repregamentos que impedían ás visitantes atopar algún espazo en ataque. Tentaban facer dano coa alta presión, roubando o esférico de maneira case inmediata pero sen ver porta.
As que case ven porta foron as da Coruña a falta de 3 minutos para chegar ao descanso. De porteira a pivote, primeiro buscando a María Gómez e despois a Candela, o Amarelle tivo a opción de inclinar a balanza ao seu favor, pero ambos os disparos fóronse rozando a portería de Caridad.
Tras o paso polo vestiario e co 0-0 no luminoso, Dani Sousa avisou na primeira posesión e, dous minutos despois, atopou o gol co que puxo ao Poio por diante. A partir do tanto, as vermellas empezaron a xogar con tranquilidade.
Aos cinco minutos da segunda metade, unha man de Candela dentro da área do Amarelle deu a oportunidade ás visitantes de facer máis dano. Dani Sousa entrou desde o banco para executar o lanzamento e, con total tranquilidade, enviou o balón ao interior da portería para poñer o 0-2.
Non conforme co dobrete, a brasileira seguiu buscando portería e, tras unha rápida transición, rematou ao segundo pau e puxo o 0-3, ampliando a vantaxe coa que deixou case sentenciado o encontro cando se alcanzaba o ecuador do último acto.
Nese momento o Amarelle viuse obrigado a cambiar a súa estratexia e atacar con cinco xogadoras, logrando así xerar máis ocasiones pero sen reducir distancias. Mentres, as visitantes aproveitaban cada roubo para buscar a portería baleira pero sen lograr ver outro gol. Finalmente, 0-3 e segunda vitoria consecutiva para un Poio Pescamar que sumou en todos os encontros disputados esta tempada.
Viaxes Amarelle FSF (0): Sandra; Patri Corral, Martita, Yaiza e María Gómez (cinco inicial). Tamén xogaron Candela Soria, Anna Escribano, Lau Doce e Cris Lourés.
Poio Pescamar (3): Caridad; Dani Sousa, Mirian, Luci e Ana (quinteto inicial). Tamén xogaron Chesa, Antía, Julia Dupuy e Irene García.
Goles de Dani Sousa: 0-1, min. 23. 0-2, min. 26. 0-3, min. 30.
Árbitros: Darriba Villamor e Martínez Torres do colexio galego. Amoestaron a Antía no Poio Pescamar e a Martita e a Jorge Basanta no Viaxes Amarelle.
Relacionadas:
-
Despexada a incógnita da fase final de Copa para o Poio Pescamar, que se medirá en semifinais ao Universidad de Alicante
Por Diego Espiño |
-
O Atlético cébase co Poio Pescamar e golea (6-1)
Por Almu Dapena |
-
O Poio Pescamar xógase o liderado contra o Atlético
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar recibe 10.700 euros para loitar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar sofre primeiro e golea despois para sumar tres puntos (5-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
As baixas seguen castigando ao Poio Pescamar ante a visita do Teldeportivo canario
Por Redacción |
-
Silvia Aguete recibe meses despois o seu premio como mellor gardameta do mundo
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar sentenza na primeira metade para vencer ao Cidade das Burgas (3-0)
Por Cristina Saiz & Almu Dapena |
-
Empate xusto no debut ligueiro do Poio Pescamar fronte ao Roldán (2-2)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A Primeira División de fútbol sala feminino reestrutúrase en dous grupos ante a incidencia da covid-19
Por Diego Espiño |