Victoria xusta do Villalonga sobre o Pontevedra B (0-2) nun partido con máis ocasións que xogo
Por Ramiro Espiño
Moita calor e pouco fútbol. A mañá na Xunqueira invitaba máis á praia que ao fútbol, e iso trouxo como consecuencia unha frouxa afluencia de espectadores na bancada, na que se deixaron notar maioría de seguidores visitantes. O Villalonga gañou, e fíxoo con xustiza e todo merecemento. Mesmo puido lograr máis goles fronte a un Pontevedra B que mostrou importantes carencias, con demasiada distancia entre liñas, e dificultades na creación.
Os de Julián Ferreiro fixeron valer a súa maior experiencia, nun partido de escasa calidade pero abundancia de ocasións de gol en ambas as dúas portarías. Foi sen dúbida un choque con máis ocasións que xogo, con lixeiro dominio do equipo celeste, resolto en dúas aparicións de Jorge Fernández, a primeira servindo en bandexa para o gol de Juanito, e a segunda resolvendo el mesmo, nunha grande acción individual, cun disparo á media volta que sentenciaba o partido.
A primeira parte foi disputada pero aburrida, con apenas dúas chegadas por bando. A primeira para o Villalonga tívoa Rego, pero o balón sairía rebotado nun defensa. Logo Kevin falla en boca de gol, desaproveitando un servizo de Cuesta.
A balón parado o Villalonga creaba perigo e Juanito estrela unha falta no longueiro, que se lle coa entre as mans ao porteiro David. Era o minuto 31, e dous máis tarde Kevin reclama penalti de Arias, por carga nun remate forzado que tapou Berto.
A segunda parte comeza cos dous equipos adormecidos e sen querer arriscar, ata que en cinco minutos, do 59 ao 64, todo cambia. Unha ocasión para o Villalonga, con remate de Ramón, de volea, que dá en Juan Ignacio e remata en corner, remata con contra do filial granate. Víctor plántase só ante Berto e cruza ao poste. O rexeitamento cáelle a Diego, ao bordo da área pequena, pero Saúl salva baixo paus.
E rematouse o partido. O Villalonga encontra a Jorge Fernández, que se inventa un pase xenial ás costas dos centrais granates, para deixar só a Juanito, que chega dende atrás e bate por raso a David.
O Pontevedra B non sabería reaccionar á mazada e o Villalonga fíxose dono do marcador e do partido. Jorge Fernández, á media volta, dende a frontal, fai o segundo cun soberbio disparo, no minuto 73, e Ramón e Cuqui puideron ampliaron o resultado, pero o remate do primeiro sácao David, e o do segundo remata no poste.
PONTEVEDRA B (0): David; Puyi, Collazo, Bruno, Juan Ignacio (Capi, min. 81); Héctor, Paco (Emilio, min. 67); Cuesta (Ismael, min. 67), Diego, Víctor (Félix, min. 67); e Kevin.
VILLALONGA F.C. (2): Berto; Leo, Adrián, Arias, Saúl; Cuqui, Antonio (Cristóbal, min. 90); Rego (Ramón, min. 58), Machu, Juanito (Giao, min. 81); e Jorge Fernández (Héctor, min. 88).
Árbitro: Lois Carro (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Díaz Álvarez e Loira Poceiro. Amoestou a Paco, Emilio, Juanito e Arias.
Goles: (0-1) Minuto 64: Juanito. (0-2) Minuto 73: Jorge Fernández.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). Uns 150 espectadores.