A Xunta autoriza con condicións un máximo de 300 espectadores nos eventos deportivos ao aire libre
Por Diego Espiño
Houbo que esperar case ao fío da medianoite para coñecer a normativa completa e ao detalle. Foi nese momento cando a Xunta publicou a esperada edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia (DOG) na que detallaba as novas medidas adoptadas na comunidade para deter o avance da pandemia.
Nestas medidas o deporte ten tamén espazo, confirmándose os plans adiantados un día antes de reducir drasticamente o límite máximo de espectadores nos eventos deportivos.
Neste aspecto, o DOG establece que as competicións deportivas "poderán desenvolverse con público sempre que este permaneza sentado, que non se supere o cincuenta por cento do aforo permitido da instalación ou do espazo de que se trate e cun límite de 60 persoas para lugares pechados e de 150 persoas se se trata de actividades ao aire libre".
Ese límite con todo "poderá ampliarse ata un máximo de 100 persoas para lugares pechados e 300 persoas se se trata de actividades ao aire libre, previa autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública", confirma o goberno galego, a condición de que se dispoña de "un plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias".
Sería o caso por exemplo do Pontevedra Club de Fútbol, cun protocolo deseñado para a asistencia ao Estadio Municipal de Pasarón que pretendía chegar ata preto dos 3.000 afeccionados, unha cifra que polo menos durante os próximos encontros antóllase imposible.
En principio as medidas terán unha vixencia de 14 días, polo que no que respecta a a entidade granate afectaría ás súas dous próximos partidos de liga, que afrontará de maneira consecutiva na casa fronte a Unionistas e Celta B.
PRÁCTICA DEPORTIVA NON FEDERADA
O Diario Oficial de Galicia tamén se refire á práctica da actividade física e deportiva non federada, que poderá realizarse ao aire libre "de forma individual ou colectiva, sen contacto físico" e cun máximo de cinco persoas de forma simultánea, sen contar ao monitor. No caso de atoparse nun dos municipios co nivel máximo de restricións, esas persoas deberían ser conviventes.
Ademais nas instalacións e centros deportivos poderá realizarse actividade deportiva en grupos de ata cinco persoas, sexan ou non conviventes, e sen contar ao monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.
Relacionadas:
-
As novas restricións rebaixan aínda máis o aforo de eventos deportivos: máximo 150 espectadores con condicións
Por Diego Espiño |
-
Un gris Pontevedra salva un punto de penalti fronte a Unionistas (1-1)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Un sorteo ante notario para decidir que 300 afeccionados do Pontevedra poderán acudir á partida fronte Unionistas
Por Redacción |
-
Galicia amence con novas restricións para frear o avance da covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Sanidade di que a covid-19 en Pontevedra e Poio "non está controlada" e ve "certa melloría" en Marín
Por Alejandro Espiño |
-
As altas de novos socios no Pontevedra, a partir do luns 26
Por Redacción |
-
O Pontevedra, pendente do DOG: A Xunta planea limitar a 300 espectadores os eventos deportivos ao aire libre
Por Diego Espiño |
-
Sanidade segue sen autorizar a presenza de máis de 1.000 espectadores nos campos de Segunda B
Por Diego Espiño |