O Pontevedra buscará en Barbadás volver á senda do triunfo a domicilio
Por Ramiro Espiño
Partido importante para o Pontevedra o que o enfrontará ao Barbadás, no campo Dos Carrís (domingo, 17,00 horas), con arbitraxe do colexiado da Delegación de Vigo, Pedro Rey Simón. Os granates intentarán volver á senda do triunfo a domicilio, cousa que non logran dende a xornada terceira, cando derrotaron o Cerceda en terreo coruñés.
Ademais, o choque ten un aliciente engadido nos enfrontamentos que van producirse esta xornada, especialmente os partidos Celta B-Somozas e Compostela, que estrea adestrador na persoa do ex-alondrista Fredi, recibindo o Rácing Villalbés, o que fai que unha vitoria granate poida servir para afastarse dos seus rivais ou achegarse un pouco máis aos dous de cabeza.
Milo Abelleira, que realizaba o venres o último ensaio previo ao partido no campo de Chan dá Barcia, en Ponte Caldelas, viaxa coa dúbida de quen será o substituto do sancionado Iago Paz (acumulación de tarxetas). Polo visto nese adestramento o posto no once titular, acompañando a Moisés Pereiro, dispútanseo Tomás e Jacobo, cunha terceira posibilidade que sería adiantar a esa función a Cristóbal Juncal.
Precisamente Cristóbal deu un pequeno susto ao sentir molestias nun xemelgo, pero sen maior importancia, polo que Milo decidiu incluílo na convocatoria na que tamén hai outras novidades importantes, como a presenza un tanto inesperada de Sestelo, que parecía descartado a principios de semana, así como a de Breogán Pereiro, que deste modo entra por primeira vez na tempada na lista de dezaseis.
Non obstante, o técnico indicaba que prefería non forzar con Sestelo, polo que de entrada seguirá dándolle a responsabilidade á moza parella de centrais formada por Yago Vázquez e Pablo, levándose a Sestelo en previsión de necesitalo polo seu poderío no xogo aéreo, unha das principais armas do equipo ourensán.
Quen cae da lista é o lateral Pacheco, ao que o técnico deixa en Pontevedra para reforzar ao filial, que xoga na Xunqueira (domingo, 12,00 horas), fronte a un rival complicado como o Gondomar.
Polo visto no último ensaio, o probable once titular dos granates en Barbadás podería ser: LLoves; Adrián Gómez, Yago Vázquez, Pablo, Cristóbal Juncal; Fran Fandiño, Jacobo, Moisés Pereiro, Tubo; Stefan e Santi Domínguez, quedando para o banco: Lorenzo, Sestelo, Tomás, Breogán e Richi.