Urxencias para a estrea en Pasarón: Pontevedra e Rácing Villalbés necesitan os tres puntos
Por Ramiro Espiño
Falar de urxencias cando se trata tan só da segunda xornada de liga pode parecer esaxerado, e non obstante non o é se temos en conta os resultados e sensacións que tanto Pontevedra coma Rácing Villalbés deixaron no partido inaugural. Os granates non pasaron dun decepcionante empate, máis que por non gañar, polas pobres sensacións de xogo e oportunidades xeradas, mentres que o cadro lucense caía derrotado no seu feudo de forma clara e sorprendente.
Este situación obriga aos visitantes a intentar emendar a plana, pero especialmente ao equipo granate, que xoga ante a súa parroquia e debe tratar de vencer e convencer a unha afección que esta tempada, e con razón, esixirá o máximo en cada xornada dun equipo que parte coa vitola de claro favorito da categoría.
A partir das 18:00 horas, Pasarón será testemuña o domingo dun Pontevedra-Rácing Villalbés con moitos alicientes. O colexiado coruñés, ÿscar López Fernández, será o encargado de dirixir o partido.
O técnico local, Nando, tivo que efectuar dous cambios na convocatoria granate, na que Pablo entra por Yago Vázquez, despois do gran partido do redondelano no partido inaugural de liga, e Luismi por Iago Paz, con lixeiras molestias.
Deste modo, a lista de 16 xogadores fórmana: Edu, Paco (porteiros), Adrián, David Feito, Miguel, Pablo (defensas), David García, Candela, Moreira, David Pérez, Tubo, Fran Fandiño (centrocampistas), Benja, Richi, Luismi e Santi Domínguez (dianteiros).
PONTEVEDRA B-VILLALONGA, NA XUNQUEIRA
Pola mañá, a partir das 12:00, o sintético da Xunqueira terá un interesante aperitivo co partido que enfronta ao filial granate, o Pontevedra B, co Villalonga, un dos claros aspirantes ao ascenso.
Manu Fernández convocou para este compromiso a: David, Adrián, Juan Ignacio, Capi, Bruno, Puyi, Collazo, Emilio, Héctor, Paco, Costa, Ismael, Víctor, Félix, Kevin e Diego González.