Moisés Pereiro: Vannos facer suar moito para conseguir os tres puntos en Barbadás
Por Diego Espiño
O Pontevedra visita por primeira vez na súa historia o campo do Barbadás. Será un partido especial para os irmáns Pereiro, naturais de Ourense e con familia na localidade veciña. Moisés será titular no medio campo granate e o seu irmán Breogán entra por primeira vez nunha convocatoria de Milo, tras o adestramento celebrado en Chan dá Barcia.
Con Moisés falamos precisamente ao termo do último ensaio da semana:
- Barbadás, un recén ascendido como ves o partido?.
ÿ un partido moi complicado, un campo e un rival difícil, ou saímos concentrados ou imos ter moitos problemas.
- Fóra de casa o equipo tivo problemas, é necesario volver gañar a domicilio para estar arriba?.
Se queremos estar arriba non hai outra opción que sacar puntos fóra da casa de tres en tres porque se non os de arriba se nos van, eu creo que aínda que sexa un partido complicado se estamos centrados e facemos as cousas ben podemos conseguir os tres puntos.
- Fronte ao fútbol directo directo deles, cales cres que serán as claves para levarvos o partido?.
Está claro que buscan un xogo máis directo, baseado en segundas xogadas, na estratexia e o que temos que facer é estar moi concentrados nesas accións, moi atentos a eses segundos balóns, defender ben a estratexia e intentar levar o partido ao noso estilo de fútbol, intentar sen asumir riscos tela, ir cara a arriba e crear perigo.
- No partido ante o Celta cometéronse menos erros, é ese o camiño, dar menos opcións aos rivais?.
Todo o que sexa conceder facilidades sempre é negativo, pero está claro que o Celta era un equipo que levaba a iniciativa e que non te deixaba crear tanto e arriscar en defensa, pero este domingo temos que intentar non asumir riscos e decidir ben en que accións se poden xogar o balón e en cales non.
- Ausencia de Iago Paz, habitual compañeiro no mediocampo.
Adestramos todos os día uns con outros, non creo que iso sexa problema. Hai un bo grupo, xogue quen xogue vai cumprir ao 100%.
- Fálanos do Barbadás, coñécelos, es ourensano e mesmo o teu primo xoga alí.
Coincidín con algúns dos xogadores outros anos. Eu creo que vai ser un rival complicado, vannos facer suar moito para conseguir os tres puntos.
- O campo, as dimensións e a herba sintética poden ser un condicionante?.
Non ten que ver con Pasarón, as medidas son máis reducidas e o sintético, a pesar de ser un bo sintético no que se pode xogar, non deixa de ser un campo diferente ao que xogamos habitualmente.
- Como está a vivir Barbadás o partido, contáronte algo?.
Polo que escoito eles toman o partido con moita ilusión. A nivel local os medios din que chega o equipo máis forte ata o momento que pasou por Barbadás e que para eles vai ser algo moi especial e moi bonito porque xogar en Terza e enriba ante un histórico como é o Pontevedra é un extra de motivación.
- O partido contra o Celta B é un punto de inflexión nesta liga?.
Eu creo que non. Sabemos ben o que facemos, a liña de xogo que temos e confiamos cegamente nela. Sería indiferente o ter gañado ou perdido, seguiriamos xogando dese xeito, crendo nesas cousas e a diferenza é que estamos un pouco máis preto dos de arriba e fai que o Pontevedra sexa un candidato firme a estar aí arriba.