José Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo, arremete contra Tito Valledor e Santi Sanmamed
Por Ramiro Espiño
Seguen as augas revoltas no piragüismo galego. As continuas desavinzas e enfrontamentos que dende fai xa bastantes anos enfrontan a dirixentes e ex-dirixentes parecen non ter fin e levan camiño de converterse nunha auténtica telenovela de incerto final que segue convulsionando ao deporte que, curiosamente a pesar dos seus dirixentes máis recentes, foi (e segue sendo) o que máis éxitos internacionais vén proporcionando o deporte galego.
E esas augas turbias acaban de escribir un novo capítulo da historia ante a publicación dunha carta asinada polo actual presidente da FGP, o grovense Fredi Bea, aproveitando unha sentenza do Tribunal superior de xustiza de Galicia, que resolve de forma favorable á Federación un recurso por despedimento e indemnización presentado polo fillo de Santiago Sanmamed, para sementar a dúbida sobre o que na súa opinión sería unha xestión irregular do seu antecesor no cargo, o lucense Tito Valledor, asesorado polo ex-presidente da Federación Española.
Polo seu interese, e pola gravidade que entendemos encerran algunhas das manifestacións de José Alfredo Bea, reproducimos integramente o contido da súa carta, datada o día 24 de outubro:
"Hoxe é un día especial para min e toda a miña Xunta Directiva, xa que todo o traballo levado a cabo durante estes tres últimos anos, podería terse caído por outra nova decisión que deberían tomar os tribunais de xustiza, neste caso o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde a FGP se viu abocada pola actuación do anterior presidente o Sr. Modesto Teijeiro e o seu asesor o Sr. Santiago Sanmamed.
A finais do ano 2011, a FGP no seu plan de saneamento e despois de prescindir xa de 3 dos seus traballadores no 2010, vese na obriga de prescindir de dous dos seus tres administrativos, sendo unha destas persoas D. César Sanmamed, fillo do expresidente da FGP e RFEP, D. Santi Sanmamed.
Tras notificarlle o seu despedimento, demándanos por despedimento improcedente e reclama unha cláusula de rescisión de contrato - cual futbolista ou alto executivo tratásese - por un importe de 60.000 euros. Curiosamente esta cláusula de rescisión de contrato databa de xullo do 2009, xusto cando o Sr. Modesto Teijeiro nomeou asesor na súa Xunta Directiva, ao seu mentor o Sr. Santiago Sanmamed e apenas mes e medio antes de que o Sr. Modesto Teijeiro presentase a súa dimisión como presidente da FGP. Pero como a súa conciencia non debería de estar moi tranquila, o devandito contrato non o rexistraron no libro de rexistros da FGP. Que buscarían con isto? era esta a preocupación de Tito e Santi polo piragüismo? dende cando se blinda un administrativo nunha federación, a que intereses obedece isto?.
Despois de que a FGP gañase o xuízo polo despedimento de D. César Sanmamed nos Xulgados do Social de Pontevedra, que foi declarado procedente, o interesado recorreu ante o TSJ - Tribunal Superior de Xustiza de Galicia - que falla novamente a favor da FGP, pechándolle a posibilidade a que volvan formular a devandita apelación. Non só recoñece que na FGP concorren as condicións económicas para o seu despedimento, senón que di que a cláusula de 60.000 euros é nula, de maneira que non pode volver formular o tema aínda que a FGP mellore a súa situación económica.
Esta resolución é unha lombeirada importante á nosa xestión. De ter sido estimado o recurso polo TSJ tería abocado á FGP a volver contar cun traballador que neste último ano se comprobou que era prescindible ou ter aboado os 60.000 euros, o cal dada a situación económica da FGP sería un golpe case mortal.
Pero non todo son alegrías, xa que esta forma de actuar do dúo Tito-Santi, con cláusulas de rescisión de por medio, lle levou á FGP a soportar cuantiosos custos nos avogados, procuradores, etc.
Este non foi o primeiro, nin será o último xuízo que teñamos que resolver da herdanza do Sr. Modesto Teijeiro, as causas abertas da Residencia Abeiro de Lugo, exercicio do ano 2008, imprentas Ramiro Paz tamén do 2008, Altofalantes Fraga 2008, Ambulancias de Pontevedra, tamén anterior ao ano 2009, farannos pasar polos tribunais nos próximos meses. Sen citar as débedas anteriores ao ano 2009 que aínda seguimos aboando e que xa pasaron polos tribunais, e outras que xa foron saldadas tras chegar a un acordo de pagamento cos acredores.
Perdoar, por este ladrillo que vos acabo de remitir, pero chega un momento que a sociedade debe de coñecer quen é quen.
A documentación deste expediente (sentenzas dos tribunais) está a disposición de quen queira velos na sede da FGP.
Atentamente
José Alfredo Bea García
Presidente FGP"
Ata aquí a posición da Federación. PontevedraViva quixo pulsar a opinión de Santiago Sanmamed e o seu fillo César, os cales de momento preferiron tomar un tempo para decidir a súa postura e se contestan ao contido da dura misiva que lles afecta.