Lete Lasa sinala que será Saúde Pública quen autorice a ampliación de aforo do estadio de Pasarón "pola vía da excepción"
Por Diego Espiño
A presenza de público esta tempada no Estadio Municipal de Pasarón, ou máis ben cantos afeccionados poderán entrar en cada encontro segue sendo unha das grandes incógnitas a nivel deportivo a case unha semana de que de comezo a liga de Segunda División B.
Na presentación da súa campaña de abonados, o Pontevedra Club de Fútbol asegurou que elaboraron e enviaron un protocolo que permitiría a entrada polo menos de todos os socios que o desexen.
Un día despois desta afirmación, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia referiuse a esta cuestión aproveitando a súa visita á cidade para participar na presentación do Medio Maratón de Pontevedra.
José Ramón Lete Lasa lembrou que a normativa actual a nivel autonómico fixa en 1.000 os espectadores que poden presenciar eventos deportivo ao aire libre, aínda que "no caso do Pontevedra ou do Deportivo parécenos que merecía un esforzo", recalcou.
"De feito estamos a empezar a aprobar excepcións", sinalou o máximo responsable do deporte autonómico, xa que "nos parece razoable" ao entender que "en calquera evento deste tipo de Preferente ou Terceira División antóllase que pode ser suficiente", pero non así en casos con maior respaldo social dentro das ligas de ámbito estatal.
En referencia concreta o Pontevedra, Lete Lasa puntualizou que "non coñezo en detalle o protocolo porque nos chegaron de moitos equipos de ámbito estatal, pero en todo caso os técnicos de deportes están a traballar niso". En todo caso, segundo defendeu "será finalmente a dirección xeral de Saúde Pública a que aprobe se se cumpren os requisitos", unha autorización que ten base legal "pola vía da excepción".
Relacionadas:
-
Sanidade segue sen autorizar a presenza de máis de 1.000 espectadores nos campos de Segunda B
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra presenta a súa esperada campaña de abonados coa idea de que "todos los socios entren en Pasarón"
Por Diego Espiño |
-
Pasarón poderá contar cun aforo superior aos 1.000 espectadores recomendados polo Consello Superior de Deportes
Por Diego Espiño |
-
Lete Lasa asegura que non subir de 1.000 espectadores para clubs como o Pontevedra "sería abocalos ao peche"
Por Diego Espiño |