Tomás Abelleira é operado con éxito da súa lesión de menisco
Por Diego Espiño
A volta de Tomás Abelleira aos terreos de xogo está un pouco máis preto tras ser intervido este xoves no Hospital Domínguez da rotura de menisco na súa perna esquerda.
A operación, a cargo dos doutores Rafael Domínguez e Sergio Canepari, resultou satisfactoria, establecendo o equipo médico un prazo para a recuperación do futbolista granate de "unhas seis semanas", tempo no que realizará traballos de rehabilitación.
O propio xogador confirma que o período para reincorporarse ao grupo en plenitude de condicións pode ser un pouco maior, entre dous e tres meses, aínda que os prazos se poden acurtar grazas á aplicación de factores de crecemento, un tratamento que segundo os doutores "acelera a recuperación das lesións e a rexeneración do tecido danado".
Tomás Abelleira lesionouse nos últimos minutos do partido de pretempada que o Pontevedra disputou no campo de Monte da Vila, no Grove, ante o equipo local.