Oportunidade de reválida para o Cisne na visita do Ciudad Encantada ao Municipal
Por Redacción
O apertado do calendario da Liga Asobal deixou ao Dicsa Modular Cisne con apenas tempo para lamentarse da dura derrota da fin de semana fronte ao Bada Huesca.
Só tres días despois o conxunto pontevedrés afronta unha nova xornada de competición, a primeira de liga aprazada no seu momento, e sen ter que desprazarse, xa que xogará de novo na casa.
Os de Jabato reciben este mércores (20.30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes o Incarlopsa Cuenca Ciudad Encantada, quinto clasificado con 7 puntos a só 1 da segunda praza.
Un óso duro para un Cisne que despois de afastarse das boas sensacións nos seus primeiros partidos quere recobrar esa competitividade para pelexar polos puntos en xogo e tomar aire na táboa.
Os locais seguen sen poder contar para a cita co pivote Gonzalo Carró, lesionado de longa duranción, mentres que no Ciudad Encantada a sorpresa é a baixa de última hora do arxentino Fede Pizarro polo positivo en COVID dunha persoa da súa contorna familiar. A pesar de que o xogador dera negativo previamente no test PCR previo á xornada, confinouse por precaución. Tampouco viaxan Maciel, Moscariello e Dutra.
Debido ás restricións que seguen vixentes na cidade, o encontro xogarase novamente con só 60 espectadores nas bancadas.
Relacionadas:
-
Un Cisne de dúas caras queda ao bordo da remontada fronte ao Cuenca (29-32)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Golpe de realidade para o Cisne que se estrela contra un Huesca moi superior (24-31)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
A falta de fol deixa o Cisne co mel nos beizos e cae co Anaitasuna por 26-21
Por Almu Dapena |
-
O Cisne estréase na casa con derrota fronte ao BM Puerto Sagunto (26-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne leva o derbi galego ante o Cangas e consegue a súa primeira vitoria en Asobal (26-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |