O Ribadumia, a un partido de meterse na Copa do Rei
Por Redacción
A pretempada do Club Deportivo Ribadumia esconde un ilusionante premio, debutar en competición oficial clasificándose para a primeira eliminatoria da Copa do Rei.
O conxunto aurinegro, ascendido a Terceira División, pelexará por tal honra como campión do Grupo Sur de Preferente o pasado curso, buscando por tanto unha das prazas destinadas no Torneo do K.O. a equipos de categoría rexional.
Os da Senra preparan estas semanas o inicio do curso, conscientes que no seu caso todo empezará unha semana antes do 18 de outubro, data de inicio da Terceira División.
Concretamente o domingo 11 de outubro o Ribadumia enfrontarase na previa de Copa ao Viveiro CF, campión de Preferente Norte. O vencedor do duelo clasificarase directamente para a primeira rolda a nivel nacional, o que non só supoñería unha importante inxección económica, senón que lles cruzaría no camiño cun equipo da Liga de Fútbol Profesional ao estar o sorteo dirixido para iso, coa única excepción dos clubs que xogan competición europea e que aínda non entrarán no bombo.
En canto á previa, a Real Federación Galega de Fútbol confirmou recentemente que se xogará en campo neutral, concretamente no Estadio Verónica Boquete San Lázaro de Santiago de Compostela (17.30 horas). Será un duelo a porta pechada pero coas cámaras en directo da Televisión de Galicia.