Antía Chamosa, da Gimnástica, prata no Nacional Sub23 celebrado en Sevilla
Por Redacción
Os atletas da Sociedad Gimnástica desprazáronse esta fin de semana a Sevilla para participar no Campionato de España Sub23.
A recentemente proclamada campioa de España absoluta de marcha, Antía Chamosa, tomou a saída o sábado ás 10:30 horas para afrontar a carreira de 10.000 metros marcha na que se fixo coa medalla de prata ao chegar á meta cun tempo de 48:56.00.
O sábado tamén competiron Andrea González e Claudia Puig. As lanzadoras de xavelina foron quinta e sétima respectivamente. González alcanzou os 40.66 metros e a súa compañeira os 38.62 metros. Puig tamén competiu o domingo, esta vez en lanzamento de disco. Chegou ata os 32.58 metros, logrando a oitava posición.
Lucía Ferrer pechou a participación da Gimnástica o domingo pola mañá cos 100 metros valas, carreira á que chegou clasificada de forma directa. O vento prexudicouna e chegou á meta en sétimo lugar en 14.97.
Pola súa banda, Diego Casas, que ía participar en lanzamento de disco con opcións de medalla, foi baixa de última hora por dar positivo en COVID-19. O club informou que o atleta se mostra asintomático e en bo estado de saúde.