Vitoria do Teucro fronte ao Balonmán Cañiza no seu segundo partido de pretempada (27-31)
Por Redacción
A Sociedade Deportiva Teucro séguese preparando para a nova tempada con amigables fronte a equipos galegos.
Despois de perder ante o Atlético Novás no primeiro partido despois do parón pola alerta sanitaria, o cadro pontevedrés desprazouse a Cañiza para enfrontarse ao conxunto do municipio, pertencente á Primeira Nacional de balonmán, ás 19:00 horas do sábado.
Os primeiros minutos do encontro foron os peores para o equipo dirixido por Irene Vilaboa, indo por detrás no marcador ata chegar ao minuto 10 (5-4). Foi a partir de aí cando o Teucro empezou a demostrar o seu bo nivel para darlle a volta ao resultado e conseguir unha vantaxe de tres tantos que se mantivo ata chegar ao descanso (12-15).
Ao comezo da segunda metade, o conxunto local mantívose dentro do partido ofrecendo un bo nivel pero, a falta de 10 minutos para o asubío final, os de azul disputaron os seus mellores minutos e lograron a maior vantaxe do partido (21-27).
Parecía que o partido estaba gañado para o Teucro, pero os da Cañiza fixeron un parcial de 4-1 que lle permitiron recortar distancias e apertar ao seu rival (25-28), pero nos últimos compases, o equipo de maior categoría reforzou a súa defensa para manter o marcador e conseguir o seu primeiro triunfo da pretemporada (27-31).